Opinión

Julio Medem

Un cuarto, luz escasa, dúas mulleres e a ilusión do amor. Ese podería ser o resumo de “Habitación en Roma”, a última fita de Medem. Algúns, os máis suspicaces, verán neste filme un único asunto de carácter erótico, ao se fixaren, especialmente, nos corpos espidos das actrices, Elena Anaya e Natasha Yarovenko. Outras, valorarán a harmonía visual do sexo sutil e delicado das dúas mozas e as súas profundas conversas. Daquela, tendo en conta a disparidade de opinións, Julio Medem consegue, unha vez máis, o seu obxectivo, chamar a nosa atención.

Até aquí, todo claro. Polémica e publicidade van da man. Porén, hai certos aspectos interesantes que poden verse prexudicados co debate. Refírome á teatralidade que se nos ofrece dentro do cinema, algo certamente interesante que xa puideramos disfrutar con 'Dogville' -de Lars von Trier-, e á calidade interpretativa de Anaya e Yarovenko. Por outro lado, merece mención a ollada descriptiva da cámara que, sen ser este un filme dogma, parece seguir perfectamente o movemento do desexo dese espellismo de amor, descontextualizado e libre de obrigas. Podemos sentir que estamos aí, dentro, no medio dos corpos e do soño de seu, irreal e platónico, fraguado ao longo das horas, dende o meu punto de vista, excesivas, pois ao filme sóbranlle minutos, non só de metraxe, mais tamén de música. Esta resulta especialmente insistente. Unha vez dentro dese espazo teatral entendemos suficientemente a impotencia pola ausencia de futuro e percibimos a densidade da atmósfera creada, así pois, a melodía resulta redundante e carga un pouco.

Por outra banda, as historias –verdadeiras ou inventadas- das amantes, en extremo rebuscadas, reflicten certo afán por diferenciarse, algo que moitas veces asociamos á xenialidade que, ao contrario do que pode parecer, sempre xorde da naturalidade expresiva, da sinxeleza. Buñuel, sería un bo exemplo disto, historias estrañas que nacen dunha cabeza naturalmente rara. Saíanlle de dentro. A Medem, en “Tierra”, tamén. Ogallá algún día nos ofreza outra vez algo así. Materia prima ten dabondo.

Te puede interesar