Opinión

As redes sociais

Que as redes sociais están de moda é evidente. Que a recepción daquilo que escribimos nelas se multiplica, non sei se por mil ou máis -deixo o cómputo numérico para quen se vexa capaz de ofrecer unha cifra exacta-, tamén o é. O que xa non se ve tan nidiamente, tendo conta do sucedido con Guillermo Zapata nestes últimos días, é que a interpretación das frases postas en Twiter, por exemplo, sexa a correcta. Co de “interpretación correcta”, refírome á que o emisor, ou emisora, buscaba ao escribilas. Meditando sobre este asunto, veume á cabeza iso de que “unha cousa é o que se di, outra o que se quere dicir e outra ben diferente o que os demais interpretan”.

Dada a complexidade do asunto, cómpre andar con moito tino co que se escribe nas redes sociais, porque sempre haberá quen lle busque os tres pés ao gato. Sobre todo se quen escribe ten un cargo político ou está na súa mente telo. Autocensura? Haberá quen o vexa así, non sen certa razón. Eu prefiro miralo dende outro ángulo. O da prudencia. Dicir o primeiro que nos veña á cabeza, sen contemplar as consecuencias -non só as que nos afecten a nós, mais ao resto de persoas- non significa necesariamente liberdade, na medida en que implica certa diarrea verbal, e a diarrea, como ben se sabe, non dá como resultado algo precisamente exquisito, malia non se tratar tampouco de exquisitez a cousa, conste.

Hai quen di que Zapata escribiu eses chistes dentro dun determinado contexto, cunha intención absolutamente inocente, e que para nada é un antisemita. Eu tamén creo iso, que Zapata ten de antisemita o que Rajoy de defensor da clase traballadora. No entanto, el forma parte dun grupo político que representa a moitas persoas en Madrid e non pode permitirse certas licencias. Non é que o anonimato -aclaro- si permita a alguén ser un salvaxe, dicir burradas e cachondearse do sufrimento alleo. En absoluto. Non pretendo que se entenda iso, pero si creo que a sanción dunha mexada fóra do testo dalguén descoñecido, sempre vai ser menor. Se desexamos que se comprenda xusto o que intentamos transmitir e non outra cousa, moito mellor será ter certo tino, que, por outra parte, servirá para recuperar unha linguaxe máis delicada e elegante, que tampouco está mal, dado o habitual desleixo na expresión escrita e oral. A “cetrería” á que se dedica a dereita sería totalmente improdutiva de non haber nada que “cazar”. Xa sabemos que foron a por Zapata, mais se Zapata non tivese eses chistes no twiter, marcharían da súa conta co rabo entre as pernas.

Estamos na sociedade do espectáculo. Estas son as consecuencias. Xustas? Non, pero son as que hai. A serie británica "Black Mirror" -creada por Charlie Brooker- axudará a comprender até que punto é falsa esa presunta liberdade de expresión que lle temos atribuído tantas veces ás devanditas redes sociais. Creo que, como usuarias/usuarios desas novidosas ferramentas tecnolóxicas, nalgún momento perdemos a perspectiva, isto é, esquecemos que sempre hai un ollo que mira. Inquietante? Bastante. Insisto, véxase "Black Mirror". É unha serie excelente, dito sexa de paso.

Te puede interesar