Opinión

RETRATO

Astuto. Está escrito no seu ollar oceánico e frío. De feito, se observamos con atención, albiscaremos, agochado detrás do azul xélido, un brillo estraño que ben podería proceder dunha espera intensa, sempre no gume dun coitelo. É a cobiza. A ambición mal disimulada, contida. É, por ende, o finximento. O de pertinaz vai ligado a isto, obviamente.

Intúese neses beizos finos e estreitos que nunca ofrecen unha boa gargallada, estimulante e contaxiosa. Como quen suxeita unha corda finísima e invisíbel, os dentes de Feijoo fican acugulados arredor do seu riso mínimo. Breve no espazo e sempre efémero no tempo. Posíbelmente vítimas do bruxismo -hábito de apretar ou facer chirriar os dentes sen ningún tipo de control-, os pequenos incisivos de Nuñez Feijoo parecen fartos desa tensión bucal tan incómoda. É de supoñer que o feito de tratar con tanta xente para conseguir determinados obxectivos callou fondo nel. Como consecuencia, perdeu a capacidade de sorrir amplamente, aínda que tamén podería ser que nunca tivese tal capacidade, e, consecuentemente, só fose quen de estabelecer relacións instrumentais coas persoas, con intereses polo medio.

Sendo isto así, Feijoo ben podería negar a un amigo unha morea de veces -máis de tres seguro- por se converter nun obstáculo na súa proxección pública. Digamos que o ten moi claro: sabe onde quere chegar e como facer para conseguilo. O resto é sensiblería e punto redondo. Ou filipino. Certamente, Núñez Feijoo é un home perseverante. Contumaz. Con todo o bo e o malo que isto implica. Bo para el. Malo para aqueles e aqueloutras que, dalgún xeito, dependen das súas determinacións.

Tendo pois conta deste carácter insistente, non sorprende en absoluto que asegure que ignoraba as actividades do narcotraficante Marcial Dorado cando as fotos foron tiradas, aló polo ano 1995. Entón, faise evidente que, en calidade de“inocente”, agardar que dimita sería unha inxenuidade pola nosa parte. A palabra dimisión non existe para a este tipo de políticos. A verdade é que “O delirante mundo dos Feebles” -o filme de Peter Jackson- non chega á punta dos pés deste noso.

Te puede interesar