Opinión

Tanorexia

Estamos no mes da calor. O sol sae para todos e alumea con forza, brilla escintilante e nós sentimos que brillamos con el. Digamos que os seus raios flamíxeros métense nas nosas casas pola xanela integrando o seu fulgor no café da mañá. Todo resulta máis agradábel cando el nos acompaña. Por iso, a tentación de durmir baixo a súa luz poderosa é constante e nos gusta tanto estender o corpo nas praias, abandoarmos, deixar que se introduzca no noso corpo, coma os lagartos. El, en troques, préstanos parte da súa intensidade lumínica coloreando a nosa pel que, por uns meses, perde o seu aspecto lácteo. Lenemente imos bronceando cara, brazos e pernas ata que xa, por fin, estamos morenos. Isto é o que realmente parece que interesa, semellar conguitos e lucir escuros, coma habitantes dun universo tropical que non existe aquí, país de vento e chuvia. E é que estamos agobiados pola publicidade subliminal e chegamos a crer que unha condición importante para mellorar o noso aspecto é estar morenos. De feito as actrices, actores, modelos, presentadoras e presentadores lucen aceitosos nas pantallas e, por esta razón, parece ser que están máis guapas e guapos. Isto xera o problema da obsesión que algunhas persoas teñen por estar color café, xa que logo, para elas, non é suficiente con roubarlle ao sol todos os raios de luz que este nos regala no verán e van máis lonxe, métense nas sanwicheras de raios ultravioletas coa idea de conservar o moreno durante o inverno. Así, podemos ver nas rúas rapazas e rapaces de aspecto africano ao longo dos meses fríos, que son moitos! Persoalmente, sempre me sorprendeu esta teima por permanecer bronceado todo o ano e pensaba que estes entes coloreados, avellentados artificialmente polo aspecto arcilloso da súa pel, padecían algún tipo de enfermidade e, efectivamente así é. Son tanoréxicos, de tanorexia, procedente de tannig, verbo inglés que significa broncear. Curioso nome e absurda esta insistencia nosa de utilizar palabras noutras linguas cando poderiamos buscar un termo propio para denominar tal manía, porque seguramente algunha palabra haberá máis axeitada.


Eu, particularmente, adoito chamarlle, pirodermia, do grego ‘piros’ que significa lume e ‘derma’ que é pel e, en certo xeito, paréceme máis apropiado porque retrata, moi graficamente, o que caracteriza este mal endémico, paradoxalmente tan estendido nunha sociedade que anda na procura do elixir da eterna xuventude. Porque todos estes morenísimos non crerán que van ficar tersos e suaves despois de tanto sol! Por se teñen dúbidas ao respecto, eu recomendaríalles ver Solaris, unha película de Steven Soderbergh (2002) baseada na novela de Stanislaw Lem. Nela poderán ver claramente o devastador efecto da luz solar.



Te puede interesar