Opinión

Usura

A inmortalidade, polo de agora, non existe. Os estudos sobre os telómeros avanzan, mais non tanto. Daquela, como deixou escrito Manrique nas Coplas a la muerte de su padre, “Nuestras vidas son los ríos/ que van a dar en la mar,/ que es el morir;” e, moi importante, “allí van los señoríos,/ derechos a se acabar y consumir;” fundamentalmente porque, unha vez “allí llegados (...) son iguales/ los que viven por sus manos/ y los ricos”. Isto sabémolo ben. Sen dúbida. No entanto, visto o visto, dá toda a impresión de que existen algunhas persoas, que, dados os privilexios dos que gozan, endexamais meditan sobre este particular. Séntense poderosos, porque teñen certo poder, e perden un pouco a perspectiva. Digamos que se ven lexitimados para xulgar, e, en función do xuízo emitido, penalizar as persoas, que, dende o seu punto de vista, cometeron erros de vulto. Así, en abstracto, talvez non se comprenda ben o que desexo dicir.

Concretemos entón. Pensemos, por exemplo, no caso de Carlos Mirón, que se suicidou esta semana, por mor da anguria insoportábel que lle xerou o desafiuzamento o ano pasado. Segue parecendo lóxico iso de que hai erros que cómpre “castigar”?  

Dende o meu punto de vista, esta idea de “tomar medidas drásticas” coas persoas que non poden afrontar unha hipoteca pola “temeridade” - substantivo que adoitan utilizar os que dan a orde de desaloxo, conste- de se embarcar nun gasto, que, a todas luces, podería ser excesivo co paso dos anos, de perderen o traballo, amosa unha carencia absoluta de humanidade. Un desatino total. De feito, o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais das Nacións Unidas condena o Estado Español por vulnerar o dereito a unha vivenda digna, até o punto de que, de ir ben a cousa -agardemos que si!-, tería de mudar as leis de enxuízamento civil e a lei hipotecaria nun prazo de seis meses. Entón, quen pense que o desafiuzamento é unha consecuencia natural da “imprudencia”  vai ter que ir revisando o seu código de “valores” e pensar no dano físico e moral, absolutamente innecesario e evitábel, causado ás vítimas con tanta dureza.

O suicidio de Carlos Mirón ten que servir de algo ou é que somos coma sacos sen fondo, que tragan e tragan, mais nunca comprenden nin aprenden nada?  Só sabemos chorar un cacho, e, logo das bágoa de crocodilo, volvemos ao de antes, a aceptar a lóxica da depredación económica? Somos conscientes de que Carlos Mirón non se suicidou, que o suicidaron?  As persoas que defenden  con ímpetu o neoliberalismo económico deberían pasar uns cantos meses coas crianzas de seu à la belle étoile. A ver se así pillan dunha vez en que consiste a violencia estrutural  e seguen tan contentas como ao principio. 

Quitarlle a casa a unha familia, como pasou con Carlos Mirón, amosa non só o carácter desprezábel do Estado, mais a súa ineficacia política. Que están descontrolados moralmente, porque perderon o contacto coa realidade. Crense inmortais. Meus probres!! Estes non entran en ningún dos paraísos imaxinados de ningunha relixión. Moito menos no inferno. Calquera atura a esta peña de usureiros!

Te puede interesar