Opinión

Alegoría á claridade

Querer estar no campanario, repicando as campás, e ao mesmo tempo asistir a procesión sabemos que é farto difícil, imposible. O don da ubicuidade aínda non chegou aos humanos. Así e todo, hai quen se empeña e pretende estar a todas, no sentido de querer cumprir con todos á vez, e desexando acaparar os dous escenarios diferentes de intereses contrapostos. Quizais a confusión de que a política resulta unha mestura ocasional de postergacións, administración e táctica, leva a determinados personaxes a situacións tan perplexas como paradigmáticas. Entre todos poderíamos facer posible a idea que un filósofo da ciencia política transmitía ao seu fillo, en forma de desexo: ‘Non creas a quen considera a política como unha actividade indigna; todo o contrario, contribuamos a acrecentar a súa nobreza’. Só desde unha posición elegante de claridade, valentía e responsabilidade, sen ambigüidades esperanzadoras, alentamos a pretensión do filósofo ao fillo. Claro que resulta difícil deixar contentos a dous á vez, cando ámbolos dous teñen os mesmos obxectivos e só se pode empuxar a un deles. No intento de querer quedar ben cos dous, esnáfrase con un. Sucede por non seguir a máxima de ‘se a impasibilidade é o fundamento da distinción, a claridade de xuízo é o fundamento da acción pública’, que resulta o mesmo que dicir que hai que ser claros con profundidade e non con palabras escuras, e mesmo ambiguas.


-¿E ti que vas facer? -Xa o sabes... tírome a un pozo contigo, se mo mandas.


-Tampouco é iso, que nos afogamos. Non che estou pedindo que fagas unha loucura, non. Quero saber como te vas a posicionar, que aínda non o sei.


-Sabes ben que comigo non tes problema; pero non me pidas que dea a cara, que me posicione púbricamente. Non vou facelo por ninguén.


-Entendo... que vas manterte neutral.


-Máis ou menos é así. E dareille carta libre aos meus, que vaian para onde queiran.


Por un lado xa vén, polo outro qué queren que lles diga: De tirarse xuntos ao fondo do pozo a manterse neutral. E sabendo como sabemos, e repetido no meu pobo, que ‘a policía non é parva’, espetóunola: ao final foise, xunto cos seus, para o adversario, sen dispor os enganados de marxe de reacción.


Claridade, valentía e responsabilidade. Tres conceptos, outros tantos principios, que sempre deben permanecer nas persoas con responsabilidade pública. O que desacredita a política non é unha actitude autoritaria, senón a distancia entre o que habería que facer e o que se fai, a discrepancia entre as palabras e os feitos.


(Daniel Innerarity).


(*) Deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

Te puede interesar