Opinión

2023: claqueta final

29 de decembro, tempo de rebobinar e facer balance. O 2023 foi sen dúbida o ano do cine galego. Xa no 2022 as películas galegas bateron o récord de presenza na carteleira do cinema comercial. Pero este ano foi aínda máis especial. Nos primeiros meses estreáronse Matria de Álvaro Gago e Sica de Carla Subirana, despois do seus pasos xeitosos na Berlinale. Especialmente o primeiro, un drama social cunha extraordinaria interpretación de María Vázquez, chegou a máis de 100 salas ademais das proxeccións en festivais internacionais. O corno foi o outro gran logro do cine galego deste ano. A segunda longametraxe de Jaione Camborda gañou unha histórica Concha de Ouro no Festival de San Sebastián. Converteuse no terceiro filme rodado en galego con máis espectadores en salas, contabilizando mais de 50.000 espectadores en cines. Protagonizada por Janet Novás, O corno é unha película fronteiriza, está ambientada no tardofranquismo pero diáloga coa actualidade. É unha película mamífera e visceral e un imno á sororidade. 

No mes de maio estreóuse Fatum de Juan Galiñanes, un thriller adrenalínico, que balancéase entre entretemento e drama. Salta!, unha entretida dramedia familiar de ciencia ficción cun toque nostálxico dirixida por Olga Osorio, chegou as salas de cine en setembro. O filme de inspiración neorrealista O home e o can de Ángel de la Cruz estreouse un mes despois, así como a comedia Me he hecho viral de Jorge Coira. Estes son algúns dos múltiples filmes galegos que protagonizaron o ano, mentres  hai unha semana acabada de chegar aos cines Samsara de Lois Patiño, a terceira película galega que tivo a súa estrea oficial na Berlinale. 

Mirando cara a outras cinematografías, neste 2023 non queremos esquecer a estrea de Las ocho montañas de Van Groeningen e Vandermeesch, unha transposición cinematográfica da novela de Paolo Cognetti. Unha película sensible e conmovedora sobre a procura do espazo vital e da identidade por parte de dous amigos de poucas palabras. Un filme que transmite o amor incondicional á montaña, e deixa a última palabra sobre o futuro do medioambiente ao espectador. Outras estreas notables que en España pasaron case desapercibidas, foron o díptico sobre a herdanza do nazismo do austríaco Urlich Seidl, Rimini e Sparta, e o último filme de Nanni Moretti, O sol do futuro. Este último representa un auto homenaxe á época autárquica do director que tivo a súa cúspide con Caro Diario, película que lle deu o recoñecemento internacional. El sol del futuro é un regreso as obsesións políticas do cineasta, aos seu amor pola música italiana –Battiano, neste caso -, aos seus fetiches e á comedia sobre as súas neuras cinéfilas. Deu gusto ver a Moretti, despois dalgún drama frouxo e algo pretencioso, volver aos materiais que o inspiraron, coas ideas claras sobre o qué é o cinema e o que non o é. 

Na categoría ‘filmes marcados pola nostálxia’ estreados neste 2023 poderían entrar Los Fabelman de Steven Spielberg, a infravalorada El imperio de la luz de Sam Mendes e, en certa medida, El viejo roble, a despedida cinematográfica de Ken Loach aos 87 anos. 

Outro director que pasou a liña dos oitenta pero que, ao parecer, non ten gaña de abandonar a profesión é Martin Scorsese. Este ano o cineasta estreou outra epopea americana: Los asesinos de la luna. Unha película que relata, ao longo de tres horas e media, a odisea negra da nación india Osage. Los asesinos de la luna é un thriller histórico, un western ao revés. É unha experiencia cinematográfica enorme en todos os sentidos, sen dúbida algo excesiva, pero lograda, que aborda de fronte o pecado orixinal dos Estados Unidos. 

Seguindo na liña dos excesos... O director que levou a palma de ouro do rei da esmorga este ano foi Damien Chazelle con Babylon. Nin Scorsese, Billy Wilder ou Tarantino. Ninguén ata agora contara a historia de Hollywood con tantas exaxeracións e provocacións, con sobredoses de humor negro e fluídos corporais e cun consumo tan masivo de drogas e sexo. Babylon é unha película que destapou, sen remordementos, a sucidade escondida debaixo da alfombra vermella. Outra película escatolóxica estreada este ano foi El triángulo de tristeza de Robert Östlund. O cineasta sueco púxose outra vez o disfraz cabalo de Troia, infiltrándose no mundo dos superricos para relatar con sobredoses de humor cínico o naufraxio do capitalismo e a falsa utopía do comunismo. 

Neste 2023 é case de obligación lembrar o chamado fenómeno ‘Barbenheimer’ que logrou uns fins de semana históricos para o cine. Oppenheimer e Barbie, dúas películas completamente diferentes, estreadas simultaneamente, que conseguiron arrasar en taquilla en pleno verán.

Creatura de Elena Martín, The Whale de Darren Aronofsky, Vidas pasadas de Celine Song, Anatomía de una caída de Justine Triet, ou os filmes de animación The First Slam Dunk de Takehiko Inou, Robot Dreams de Pablo Berger e El sueño de la sultana de Isabel Herguera son outras grandes películas que queremos lembrar deste 2023. Na espera dunha nova tempada cinematográfica, despídome de vós, cos meus mellores desexos cinéfilos para o aninovo: Buone visioni!

Te puede interesar