Opinión

2024: O cinema que virá

No 2023 melloraron os datos de taquilla rexistrados no 2022, aínda que os resultados se consideran lonxe dos da prepandemia. Se en 2019, os cines españois recadaban 624 millóns, agora mesmo a cifra atópase en 485. Tampouco o fenómeno “Barbenheimer” conseguíu compensar un ano marcado pola folga de actores e guionistas, e onde a única película española en entrar no top ten dos filmes máis vistos foi Campeonex de Javier Fesser con case dous millóns de espectadores. A pesar dos datos non moi reconfortantes, o 2023 foi un ano de moi boas películas e o 2024 tamén ven cargado de grandes estreas.

Na primeira metade de xaneiro temos xa varios títulos interesantes. O primeiro é Los que se quedan de Alexander Payne, onde se prevé un retorno do cineasta á dramedia das súas mellores películas como Nebraska (2013) ou Entre copas (2008). Yo capitán do director de Gomorra, Matteo Garrone - León de Plata á mellor dirección na última edición do Festival de Venecia – chegará ás salas nestas mesmas datas. O filme narra a odisea contemporánea de Seydou e Moussa, dous mozos que abandonan Dakar para emprender camiño a Europa, enfrentándose aos peligros do deserto e do mar. 

Outra triunfadora do Festival de Venecia é Pobres criaturas de Yorgos Lanthimos que chegará as salas nestas datas. O director grego volve a traballar con Emma Stone para confeccionar unha fábula feminista orixinal e provocadora.

Zona de interés de Jonathan Glazer, o Gran Premio do xurado no último Festival de Cannes, é outras das grandes estreas do mes de xaneiro. É un filme sobre o holocausto e a banalidade do mal. Sen rastro visual de violencia, o filme cóntanos a historia do comandante de Auschwitz Rudolf Höss e da súa esposa Hedwig mentres se esfórzan en construír unha vida de ilusión nunha casa con xardín preto do campo de exterminio. Perfect Days, o drama xaponés de Wim Wenders, así como o romance lituano Slow da directora Marija Kavtaradze, chegarán tamén ás salas en xaneiro.

La tierra prometida, un drama histórico ambientado no 1755 e protagonizado por Mads Mikkelsen e Amanda Collin e dirixido polo danés Nikolaj Arcel, estrearase en febreiro. Nese mesmo mes regresará tamén o aclamado director Todd Haynes cun novo melodrama feminino protagonizado por Natalie Portman e Julianne Moore: Secretos de un escándalo.

Neste 2024 tampouco faltarán os biopics. Os amantes deste xénero atoparán entre febreiro e marzo, catro títulos. O primeiro será Ferrari do mestre da acción Michael Mann. A película céntrase sobre o verán do 1957, cando Enzo Ferrari decidiu arriscar todo nunha única carreira: a Mille Miglia. 

Outro biopic é Priscilla de Sofia Coppola. Está baseado nas memorias “Elvis and Me” escritas por Priscilla Beaulieu Presley, e que relatan o noivado e o turbulento matrimonio entre ela e Elvis. Priscillla parece afastarse do estilo exuberante de Baz Luhrman que nos contou hai pouco a vida de Elvis Presley, para abrazar un corte máis realista e intimista.

One Love de Reinaldo Marcus Green levará á pantalla a vida da lenda do reggae Bob Marley mentres La última sesión de Freud dirixida por Matt Brown e ambientada en vésperas da Segunda Guerra Mundial, reconstrúe o encontro de pai da psicanálise Sigmund Freud co icónico autor C.S. Lewis. Dune: Parte Dos de Denis Villeneuve é unha continuación directa da película estreada no 2021. É un filme que fará felices os amantes da ciencia ficción e chegará as pantallas grandes en marzo.

Sempre no mes de marzo estrearase Dos chicas a la fuga, o primeiro filme de Ethan Coen sen a colaboración do seu irmán. Estas datas marcarán tamén o regreso ao cine de Bong Joon-ho, director de Parásitos, co filme Mickey, baseado sobre o libro de Edward Ashton.

How to have sex de Molly Manning Walker e Rivales de Luca Guadagnino serán dúas películas onde o sexo terá un papel protagonista. Outras estreas que se prevén interesantes neste 2024 son as de Club Zero de Jessica Hausner, de El mal no existe de Ryusuke Hamaguchi e a de Honeymoon, unha dramedia de Enrique Otero protagonizada por Javier Gutiérrez e Nathalie Poza que terá a súa estrea o 12 de xaneiro.

Por último, xa na segunda metade do ano, destacamos tres secuelas. O primeiro é Folie A Deux de Todd Phillips. O filme marcará o regreso do Joker interpretado por Joaquin Phoenix que esta vez estará acompañado por Lady Gaga no papel de Harley Quinn. 

Mentres outras secuelas esperadas serán Gladiator 2 dirixido por Ridley Scott que chegará as salas de cine en outono e Cazafantasmas: Imperio helado que terá a súa estrea en marzo.

Os festivais de Berlín, Cannes, Sundance, Venecia e San Sebastián, marcarán a axenda doutras importantes estreas, sobre todo españolas. Algún título premiado poderá verse xa ao longo deste 2024.

Te puede interesar