Opinión

A boa educación

O cinema levou á pantalla grande a mestres entusiastas ou profesores exemplares. Algún deles convertéronse en figuras icónicas, como o John Keating interpretado por Robin Williams en El club de los poetas muertos (1989) ou o Don Gregorio encarnado por Fernando Fernán Gómez en La lengua de las mariposas (1988). O docente Sergio Juárez, protagonista da última longametraxe de Christopher Zalla, vai engadirse con matrícula de honra nesta lista. Especialmente a de Zalla vai ser a mellor película sobre un educador que transita por realidades marxinais e difíciles, algo que tamén xa se contou con menos acertos en filmes como El rector (1987) ou Mentes Peligrosas (1995). 

Radical está baseado en feitos reais. Sergio Juárez Correa foi un profesor que conseguiu transmitir o valor da educación, mellorando o potencial dos seus alumnos da escola primaria José Urbina López, nun pobo de México, nun territorio fronteirizo caracterizado pola pobreza, a corrupción e o abandono. No 2011, o profesor aplicou un método de educación radicalmente diferente para estimular a curiosidade dos seus alumnos. Unha moza, Paloma Noyola, de 12 anos, una das súas alumnas económicamente mais desfavorecida, chegou a sacar o o primeiro posto nacional na proba ENLACE, ademais de obter un dos mellores resultados de clase de todo o estado. A película basease sobre una historia real a través da mirada do seu protagonista, interpretado polo actor Eugenio Derbez. O cineasta Christopher Zalla, na súa etapa formativa, traballou como asistente do produtor Cary Woods, chegando a ler máis de mil guións. Foi alí onde empezou a madurar a idea das historias que quería contar e entender como chegar a emocionar o espectador sen caer en cliches e mantendo unha mirada autoral. No guión está precisamente un dous puntos fortes de Radical. Zalla constrúe unha película en certa medida ‘xa vista’ - polo menos lendo a sinopse -  pero consegue sorprender e atrapar o espectador do principio ata o final. Os ingredientes desta historia resultan perfectamente equilibrados, narrativamente é unha película que toca moitos temas sen que ningún resulte estridente. 

Nos ollos dos alumnos e na mirada do seu mestre, reside outro punto de forza de Radical. A química que o cineasta conseguiu crear entre eles, é moi especial. Así que a cinta emociona pero sen caer en sentimentalismos. 

A ollada case documental de Zalla recorda en certa medida o estilo adoptado por Laurent Cantet en La Clase (2008) filme que relataba o traballo dun profesor de lingua nun instituto conflitivo dun barrio marxinal de París e co que o cineasta gañou a Palma de Ouro en Cannes. Aínda cun ton menos cru e máis alegre con respecto ao filme de Cantet, Zalla non oculta a violencia e a traxedia vivida en Matamoros. Pero é algo que o director nos ensina xa a través dunhas localizacións veraces, e sen necesidade de subliñalo demasiado. Radical é unha película que, ao igual que o seu protagonista, consegue despertar a nosa curiosidade, á vez que a indignación e a esperanza, como espectadores. Fainos crer que, a pesar de todo, cunha boa educación aínda é posible imaxinar un futuro mellor para as novas xeracións.

Te puede interesar