Opinión

Amantes entre butacas

Ferzan Ozpetek é un director de cine turco naturalizado italiano. Ao mellor, podería definirse “romano” porque elixiu o barrio ostiense da cidade eterna como a seu espazo vital e de traballo. Algunhas das súas mellores películas están gravadas na rúa onde vive. Debutou triunfalmente no 1997 con Hamam: el baño turco, e confirmouse con títulos como El hada ignorante (2001) –convertida logo nunha serie-, La ventana de enfrente (2003) ou No basta una vida (2007). Desde a súa primeira longametraxe, Ozpetek foi considerado un dos referentes cinematográficos da comunidade Lgbt italiana por tratar temas relacionados coa homosexualidade. Nuovo Olimpo, estreada directamente en Netflix sen pasar polos cines, é a súa última película e quizais a mellor despois de La ventana de enfrente.

O título é o dun cinema onde, a finais dos anos setenta, Enea (Damiano Gavino) e Pietro (Andrea Dei Luigi), dous homes de 25 anos, ambos cinéfilos, atópanse por primeira vez e namoraranse. Trinta anos despois, Enea dirixe unha película inspirada naquela historia de amor que convértese na ligazón para un reencontro. A sala de cine, e o cine en xeral, neste caso, é o lugar do desexo, o espazo clandestino para o encontro inesperado, a antesala para a descuberta da sexualidade. Ozpetek relata este mundo con romanticismo e poeticidade, sen caer no sordidez, centrándose sobre todo nas emocións dos protagonistas.

Nuovo Olimpo é un melodrama que ten certa afinidade cos últimos traballos de Pedro Almodóvar. Pódese atopar a mesma mirada sobre o mundo do director manchego, así como unha banda sonora cos temas de Mina e de Charles Aznavour que podería pertencer perfectamente a calquera dos filmes de Almodóvar. Ozpetek é un dos directores italianos que souberon describir mellor as mulleres. Tamén neste sentido, na descrición dalgún personaxe feminino que aparece nesta película, Nuovo Olimpo pode considerarse moi almodovariano.

Cun uso poético das imaxes e as referencias cinéfilas a Pasolini e Truffaut, Ozpetek conta esta historia de amor co pretexto de revivir uns recordos reais da súa xuventude. Enea Monte é o alter ego do cineasta nesta autobiografía en parte ficcionada.

Nuovo Olimpo súmase ao o grupo de cineastas que, nos últimos dous anos, tiveron unha “mirada amarcord”, entre o déjavu e a melancolía. El imperio de la luz de Sam Mendes, Kenneth Branagh con Belfast, Paolo Sorrentino con Fue la mano de Dios, Paul Thomas Anderson con Licorice Pizza, Steven Spielberg con Los Fabelman... son só algúns deles.

Diante dunha realidade as veces incomprendida ou pouco estimulante, a nostalxia, a lembranza, pode ser un doce refuxio.

Te puede interesar