Opinión

O asteroide de Wes Anderson

O estilo de Wes Anderson é inconfundible. Recoñécese polas xeometrías simétricas, os encadres perfeccionistas, as cores pasteis e un relato que aposta, case sempre, por ser coral. No seu último filme, Asteroid City, presentado en concurso no último Festival de Cannes, o cineasta mantense abundantemente nas mesmas coordinadas estilísticas. O argumento móvese a mediados dos anos cincuenta nunha cidade do deserto estadounidense chamada Asteroid City. Alí, celébrase unha convención anual que se verá interrompida pola inesperada chegada dunha presencia alieníxena.

O filme estrutúrase en tres actos e nun epílogo final. Rodouse na localidade madrileña de Chinchón, aínda que a localización está reconstruída por completo ao estilo Anderson. Ao igual que nas películas anteriores da súa filmografía, nesta longametraxe o cineasta conta cun reparto artístico de super estrelas: Scarlett Johansson, Tom Hanks, Tilda Swinton, Jason Schwartzman, Adrien Brody, Matt Dillon, Hope Davis, Jeff Goldblum, Edward Norton ou Margot Robbie, só por citar algúns –tamén a actriz galega Carmen Méndez fai unha aparición-. Pero hai a estraña sensación de que todos están alí exclusivamente como valor de produción. Os interpretes atópanse encorsetados dentro dunha directrices tan precisas que parecen un elemento máis do decorado. Dá a impresión que poderían ser perfectamente sustituíbles con outros, sempre e cando leven a mesmo vestiario, manteñan a posición no encadre e digan exactamente as mesmas palabras.

Como xa pasou no seu anterior filme, A Crónica Francesa, a obsesión do director polo control de cada elemento é tan absoluta e o diálogo case sempre presente, que xa non hai espazo para o espectador. Ou mellor, o espectador acaba converténdose nun elemento máis do “attrezzo” da película.

É curioso ter que recoñecer que a única escena verdadeiramente emocionante do filme é unha pequena secuencia minimalista, case ao final da película e que sitúase fora do escenario a cor. Neste momento, en branco e negro, un dos protagonistas discorre con outra actriz sobre unha escena eliminada na versión final da obra. É un conto breve, cheo de sentido simbólico, sobre a resistencia das imaxes e da imaxinación, fronte a dor e a morte. Non hai excesos de imaxes para acompañar estas poucas palabras. É un poético contrapunto, pero quizais non suficiente para xustificar maís de hora e media de metraxe enfático e manierista. No seu conxunto Asteroid City resulta ser, no bo e no malo, un filme marciano de Wes Anderson, elevado ao cadrado. Sen dúbida gustará moito aos seus ávidos adeptos.

Te puede interesar