Opinión

Champions

Champions
photo_camera Champions

O cine deportivo é un subxenero moi popular. No cumio dos deportes máis retratados polo cinema están o baloncesto, xunto co boxeo e as artes marciais. No 2023 o básket foi o verdadeiro protagonista desta categoría, e un gancho acertado para diferentes historias arredor del. Lembramos a estrea en HBO Max da segunda tempada de Tiempo de victoria –unha das mellores series deportivas ata o día de hoxe-, a refinada e plástica proposta visual do anime The First Slam Dunk dirixido por Yakehiko Inonu, ademais de Campeonex, a secuela da exitosa película de Javier Fesser. A estas cintas podemos engadir Air de Ben Affleck, sobre a historia da creación da marca de zapatillas Air Jordan, ou a estrea en Filmin do notable documental experiencial dirixido polo vigués Gonzalo Suárez, A cero.5.

Chega agora en pantalla grande outra película co baloncesto de fondo, Champions de Bobby Farrelly. É a versión estadounidense dunha das comedias máis taquilleras do cine español dos últimos anos: Campeones de Javier Fesser. A reescritura do guión foi a cargo de Mark Rizzo, guionista con experiencia en series de animación. O carismático actor Woody Harrelson, que tamén é produtor da cinta, interpreta o papel que foi de Javier Gutiérrez. Encarna un entrenador temperamental da G League moi pouco empático, incapaz de manter o seu posto no banquillo. O director, Bobby Farrelly, xunto co seu irmán, é un especialista de comedias demenciais e na súa filmografía hai títulos como Dos tontos muy tontos (1994) ou Algo pasa con Mary (1998). Nesta readaptación da película de Fesser decidiu ir en solitario, aínda que tiña o apoio seguro dunha narración que xa se demostrara solvente, que foi capaz de racadar a máis de 100 millóns de euros o primeiro ano da súa estrea, e só en España.

O feito de rodar con persoas con diversidade funcional foi a única condición para que Javier Fesser cedese os dereitos da cinta. O obxectivo de concienciar un pouco máis o público sobre a discapacidade tiña que seguir estando presente. Ademais desta cláusula imprescindible, a versión dobrada ao español ten o detalle de utilizar as voces dos campeóns orixinais da primeira entrega.

Claramente Champions non é unha copia da versión española. É un remake adaptado ao público estadounidense, como o caso de Abre los ojos (1997) de Amenábar convertido en Vanilla Sky (2001), a saga de terror Quarantine inspirada en Rec (2007), ou recentemente o thriller El desconocido (2015) de Dani de la Torre que se converteu na mediocre Retribution (2023). Champions é quizais o mellor remake entre os citados. É un filme para toda a familia que chega a ser moderadamente entretido. Ten un transfondo social importante e unha mensaxe positiva, pero non consegue manter viva a frescura da orixinal. O que máis se lle pode contestar a este remake é que acaba centrándose nunha convencional historia romántica poñendo finalmente no segundo plano as vivencias individuais dos superamigos. O humor negro e surreal moi típico de Fesser queda case ausente, pero o resultado non deixa de ser mellor do esperado. Champions de Farrelly é un filme discreto, aínda que non ten moito sentido velo se xa disfrutaches do orixinal.

Te puede interesar