Opinión

Napoleón: amor e guerra

Napoleón
photo_camera Napoleón

Napoleón Bonaparte é un dos personaxes históricos máis “ficcionado” polo cine e non só. As polémicas que acompañaron o lanzamento do último filme de Ridley Scott sobre a súa vida e a súas fazañas, demostran que a fascinación polo emperador nacido en Córcega segue moi viva no noso imaxinario. Napoleón, tirano egomaníaco, sanguinario, ou un emperador carismático, un estratega da guerra que sacrificou a súa vida no campo de batalla pola grandeza da patria? Empezamos por aclarar que o filme esquiva maxistralmente este debate e o cineasta rexeita calquera crítica sobre o rigor histórico da súa ficción. Por suposto Napoleón de Scott non é unha “masterlcass” de historia, é unha obra cinematográfica, e o creador ten o dereito de tomarse as súas propias liberdades.

En algo máis de dúas horas e media, Ridley Scott recrea a través da súa persoal mirada algúns momentos da vida de Napoleón Bonaparte: as súas orixes militares, o seu ascenso, a coroación, as batallas, e, sobre todo, a súa relación con Josefina de Beauharnais.

Joaquin Phoenix encarna un Napoleón obsesionado pola súa parella. Un líder carismático cos seus soldados, un xeneral desapiadado, eficaz no campo de batalla e ao mesmo tempo un home inadecuado, sen modais e fora de lugar, nos outros ámbitos da vida. A pesar das limitacións impostas polo guión, Phoenix intenta regalarnos matices no seu personaxe aínda que o consegue só en parte. Vanessa Kirby no papel de Josefina parece ter máis marxe para xogar, pero finalmente déixanos coa mesma sensación de frialdade.

Onde verdadeiramente luce o filme, en realidade, non é no relato da paixón entre os dous protagonistas, mais ben nas épicas, incribles recreacións das batallas. A representación de Austerlitz, a vitoria para o exercito de Napoleón en inferioridade numérica contra Rusia e Austria, pode entrar a formar parte dos enfrontamentos bélicos máis espectaculares e terroríficos da historia do cinema. Independentemente que sexa incoherente ou imprecisa desde un punto de vista histórico, formalmente é impecable, a partir da figuración, pasando pola cor, a montaxe, o son e unha evocativa e poderosa banda sonora orixinal. Ao mesmo tampo hai que destacar o traballo da fotografía, e o “detallismo” na transposición cinematográfica que o director fai dalgunhas pinturas célebres, por exemplo da Consagración de Napoleón de Jacques-Louis David que se pode apreciar con minucia na secuencia da coroación.

A última longametraxe de Ridley Scott non chega a ser excelente como as súas ultimas dúas obras, La casa Gucci e El último duelo, ambas do 2021, pero Napoleón segue sendo unha boa película.

Haberá que agardar a versión definitiva do director de catro horas e media, que se estreará dentro duns meses a Apple Tv, para dar unha opinión definitiva sobre o seu traballo. Mentres xa se anuncia outra serie con Napoleón como protagonista. Será producida por HBO Max e dirixida por Steven Spielberg. Inspíranse no guión orixinal escrito por Stanley Kubrick que nunca chegou a concretarse. Outro traballo que encontrará nas polémicas o punto forte pola súa promoción.

Te puede interesar