Opinión

O negocio farmacéutico

No último ano, a crise dos opiáceos e a influencia dos lobbies farmacéuticos están a protagonizar os titulares de prensa que chegan desde Estados Unidos. Ultimamente están empezando a aparecer noticias similares noutros países do mundo, España incluída. Mentres, paralelamente, estréanse documentais, películas e series de ficción co obxectivo dúplice de concienciar sobre un problema que, en Estados Unidos, cobrou xa a vida de medio millón de persoas, e que podería estenderse. No 2021, a miniserie documental de 2 capítulos El crimen del siglo, xa puxo no banco dos imputados a industria farmacéutica Pordue Pharma por poñer en comercio o OxyContin, un medicamento máis potente que a morfina que se podía conseguir para unha dor xenérica e cunha simple receita. No 2021 a premiada serie Dopesick, dispoñible en Disney+, contaba esta mesma historia pero desde o enfoque da ficción. Dopesick relata a crise dos opiáceos en Estados Unidos desde a sala de xuntas de Purdue Pharma ata unha comunidade mineira de Virginia, pasando polos despachos da DEA.

Este ano, Netflix quixo estrear a súa propia versión de seis capítulos, Medicina Letal, protagonizada por Matthew Broderick no papel de Richard Sackler, o presidente da empresa Purdue Pharma. Aínda tomándose unhas liberdades creativas, Medicina Letal é un retrato bastante fiel dunha realidade que, por desgraza, supera a ficción. Calcúlase que máis de 300.000 persoas morreron nas dúas últimas décadas por sobredoses do analxésico OxyContin. Ningún membro da familia Sackler foi acusado penalmente polas mortes causadas polo fármaco. E cando a oferta de OxyContin empezou a decaer, estos adictos acabaron enganchándose a outro analxésico moito máis potente: o fentanilo.

Hai pouco, Netflix lanzou á plataforma outra película de ficción sobre a turbia práctica de ventas das farmacéuticas titulada El negocio del dolor. Dirixido por David Yates – coñecido por dirixir algunhas películas da saga de Harry Potter – o filme conta a historia de Liza Drake, unha ex stripper e nai solteira que empeza a traballar como representante. Dos que citamos ata agora, El negocio del dolor é a produción máis convencional. É unha ficción pura aínda que se inspira en feitos reais, como o ascenso da empresa Insys e do seu fundador John Kapoor que no 2012 comercializou o Subsys, un aerosol de fentanilo. Ao principio o medicamento era destinado aos enfermos de cáncer pero logo empezou a ser receitado para o tratamento común da dor. Na película a empresa chámase Zanna e o fármaco Lonafen, pero as técnicas utilizadas para sobornar aos médicos coa finalidade de prescribir as receitas a todo o mundo son practicamente as mesmas. Emily Blunt, no papel de Liza Drake, é a que leva case todo o peso dramático da historia, aínda que o desenvolvemento do relato resulta bastante obvio. De todo xeito, o filme de Yates é outra película que axuda a entender as malas prácticas dos lobbies farmacéuticos e que non se limitan á venda de opiáceos. Un exemplo é o éxito moi recente de Ozempic, un medicamento para a diabetes de tipo 2 que se vende principalmente para baixar de peso. Aumentou o valor de mercado da empresa holandesa Novo Nordisk ata os 419.000 millóns, unha cifra que é máis do PIB do país, o cal está arredor dos 406.000. Chámana a “nova droga de Hollywood”. En España de momento, recéitana, sobre todo, endocrinólogos e cardiólogos. Pero a semaglutida, o principio activo do Ozempic, aquí non está autorizada para a obesidade. Sobran casos onde a realidade supera a ficción e que quizais merecerían, xa, un documental de investigación.

Te puede interesar