Opinión

Vasco Rossi: o supervivente

Vasco Rossi
photo_camera Vasco Rossi

Os biopics de ficción sobre os cantantes ou grupos famosos sempre tiveron un lugar especial dentro da produción cinematográfica. Incluso podemos remarcar que o primeiro filme sonoro, The Jazz Singer (1927), contaba a historia dun cantante. Non todos estes títulos son para recordar pero seguramente non se poden esquecer filmes como Bird (1988) de Clint Eastwood, La bamba (1987) de Luis Valdez, Control (2007) de Anton Corbijn, En la cuerda floja (2005) de James Mangold ou Last Days (2005) de Gus Van Sant. No documental merecen unha mención especial os que fixo Julien Temple, Searching for Sugar Man (2012) de Malik Bendjelloul ou o recente Jerry Lee Lewis: Trouble in Mind (2022) de Ethan Coen. No ámbito serial gústanme especialmente as miniseries Sun Records (2017) e Pistols (2022). Hoxe en día as posibilidades ofertadas polas plataformas dixitais son múltiples, van desde as filmacións de eventos e concertos que lucen un despregamento técnico tremendo, pasando polo docureality ata chegar a miniseries documentais sobre grupos ou figuras históricas da música. Nesta macro oferta é máis difícil atopar produtos que destacan por orixinalidade.

Netflix é a plataforma que tomou unha posición clara dentro deste panorama empezando a sacar miniseries que viran arredor de cantantes ou grupos que son famosos só en determinados países. Un dos últimos que acaba de estrearse na plataforma é Vasco Rossi: El superviviente. A miniserie documental de 5 capítulos de 50 minutos de duración cada un, reconstrúe a vida de éxitos e excesos do roqueiro máis famoso de Italia. Un artista que leva o récord mundial de espectadores que pagaron para ver un só cantante: 225.000 tíckets vendidos para o concerto Modena Park do 1 de xullo do 2017. Un profeta en patria e descoñecido fora dos confíns do seu propio país.

O interese en descubrir artistas descoñecidos, que teñen un discurso e unha orixinalidade artística moi propios, pode ser o detonante que desperte certa curiosidade tamén ao público alleo. É unha das razóns pola que esta miniserie acabou estreándose en máis países, ademais de encher cun título máis unha oferta semanal de estreas pouco atractivas. Neste caso o documental preocúpase de relatar a figura do cantante xunto co contesto histórico e cultural no que desenvolveu a súa xeitosa carreira. Desde as súas orixes humildes en Zocca –un pequeno e pintoresco pobo nos Appennini, preto de Modena– pasando polo nacemento das ‘radio libere’, os movementos estudantís e revolucionarios dos setenta e os anos do bum económico e dos yuppies, o director descríbenos a evolución artística de Vasco Rossi, sempre en profunda empatía cos tempos e coas xeración de mozos e mozas que os vivían. Numerosas testemuñas, amigos, colaboradores, familiares, e o piloto Valentino Rossi, contribúen a crear un retrato do cantante que intenta non descontentar a ninguén. E isto é o límite máis evidente desta miniserie. Vasco Rossi: El superviviente ten un afán celebrativo demasiado evidente ata para os fan do cantante. Despois de eviscerar material inédito, e suxestivas imaxes dos setenta e oitenta nos primeiros dous capítulos, a miniserie acaba perdendo forza e faise repetitiva. A pesar disto, El superviviente é una miniserie digna que podería resultar entretida para quen queira achegarse a unha realidade descoñecida e a un fenómeno artístico, estraño e peculiar, exclusivamente italiano.

Te puede interesar