Opinión

DE BEN CHO SHEY A PABLO OTERO

Aínda sen rematar o verán, e andada xa a derradeira volta do seu mes final, a sombra de Ben-Cho-Shey é alongada. Forte e rexo, non era moi alto, mais falamos da súa estatura moral, e intelectual, que non física. Coas vacacións do Centro Cultural (inverosímil, non?) pechou a exposición biográfica rememorativa a el adicada, mostra ideada dende a Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo e o Museo desa cidade coa súa rede provincial (para cando unha semellante maneira de entender a cultura entre nós?). A biblioteca e arquivo do ilustre polígrafo galeguista, sita na Deputación ourensá, ten colaborado activamente nela.


Dende a memoria visual, axudada pola hemerografía -caso do artigo do vicepresidente, en renacida pluma, e unha web- queremos deixar constancia do acerto en traela malia as desafortunadas datas sen alumni nos centros de ensino e universidade polo tempo de xullo/agosto escollido, malo tamén para a cidadanía do común. O bo traballo do comisario Xoán R. Cuba, unha espléndida recreación da súa vida, quedaría máis lucido de presentarse nunha das salas principais do Centro Cultural, o que sería acorde coa importancia deste gran home que foi Xosé Ramón Fernández-Oxea, un ourensán que fixo Ourensanía dende o galeguismo. Os vistosos cubos da memoria nos que ía a información -unha acaída forma simbólica-, e a densa exposición quedarían pedagóxicamente moito mellor malia o interese amosado na pequeña sala escollida do hall, que rebordaba, ateigada. A salientar o Seminario de Estudos Galegos, a Revista 'Nós', Xan Fouciño, o Nacionalismo e a militancia no Partido Galeguista, a docencia en Santa Marta de Moreiras, no Pereiro, nos anos trinta (de onde saíu a monografía que publicou en 1969), e tamén o mal menor do desterro a Cáceres en 1937 (o que nos fai lembrar que Castelao foia a Badajoz e Bóveda a Cádiz antes da guerra), a nova vida en Madrid de galeguista activo na clandestinidade, do que deben dar fe Méndez Ferrín e Xesús Alonso Montero. Dende Berzas ata Galicia no corazón, pasando polo Barallete ou Escudos de Lugo, este gran impulsor do galego foi un personaxe único. Hoxe, polo xeral, todos, mais ou menos falamos e escribimos a linguaxe da nosa terra, aínda que escoitemos dicir 'Yo no le entiendo el gallego', por máis que entender, enténdeno ben.




OTERO E OS CONTOS POR TELéFONO


A Organización Española del Libro Infantil y Juvenil ben de seleccionar nove libros en España para a la Lista de Honor, o mellor da literatura para os máis cativos. Son Palabras de auga (Ed. Xerais) de Marcos Calveiro, recente Premio Merlin, e Contos por teléfono, esta editada por Kalandraka. Obra de Gianni Rodari (Premio Isaac Díaz Pardo 2011) traducida por Carlos Acevedo, son relatos breves cheos de imaxinación e humorismo. Un fermoso libro de gran calidade, con ilustracións do artista plástico ourensán Pablo Otero 'Peixe'. Este pintor e escultor é un dos grandes valores da Ourensanía de hoxendía.


Te puede interesar