Opinión

O amigo do doutor Gallego

José Gil de la Iglesia era mais coñecido como ‘Pepe da Flora’ ou ‘Pepe do Herminio’, o nome de seus pais, e, tamén, coma ‘Pepe do Comercio’. Il e mailo seu irmau Alfonso viñeron dende o seu Allariz natal a estabelecerse no Forno da Burga, encima da Burga Darriba, onde se facía un pan de moita sona, caseque como a que tiñan de boa xente os seus donos e que se botaba bén de ver nos persoaxes que alí deixaban acubillar, a carón do forno, nas crúas noites de inverno, persoaxes coma o lembrado ‘Parrulí’, ós que libraban do frío e maila fame, con anacos de pan e outras viandas que os forneiros lle daban. Desherdados da fortuna que, por certo, teñen sucesores no lugar. Niste ambiente e, como bó fillo que era, pasou a súa mocidade o Pepe, traballando, mentres o seu irmau Alfonso estudou a carreira de oftalmoloxía.


Cando mudou o vento dos tempos, pechou o forno io Pepe e maila súa muller abriron un comercio de testil, na rúa de Cervantes, daí o alcume devandito, que atendeu persoalmente hastra o seu pasamento.


Deica eiquí o que poderíamos dicir a semblanza dunha persoa normal do común. Mais había algo, na súa traieutoria vital, que o diferenciaba. O Pepe era o que se di o ‘alter ego’ do doutor Luis Gallego. Era o seu amigo da ialma, confidente, compañeiro, pano de bagoas, recadeiro, chófer, conselleiro e mesmo relaciós públicas. Isto creoulle o alcume de ‘Amigo do doutor Gallego’. De tal xeito que, como il e mais eu comentamos en algunhas ocasiós, si todolos honores que, socapa da súa natural modestia e timidez rexeitaba, houbesen contado coa colaboura do Pepe houberan ido a ramo, pois era quen de vencela súa resistencia. Eu quero deixar constancia de que nas varias veces que eu pidín, desde as páxinas de La Región, un espediente de honores ó doutor Gallego, o Concello puxo como disculpas pra non facelo, que a norma que rexía era de non facelo con persoas vivas. Cando o Concello saltou esta norma, con persoaxes vivos, apuxeron a negativa do doutor Gallego. O Pepe calificou a disculpa de moi pobre. Que si de verdade o querían facer, lle mandasen unha carta o doutor, propoñéndollo, que il se encarregaba de conquerir o sí do doutor. Hastra hoxe.


Hai algo que pouca xente sabe e que debe ser coñecido. Os amigos e mailos pacientes do doutor Gallego temos unha débeda con Pepe Gil, pois, gracias a il pudemos gozar dun tempo ‘estra’ da vida e do trato do doutor. Ós feitos me remito.


O doutor era un home de non moi privilexiada saúde, agravado cunha doenza do estómago, que o traía a mal traer, e cunha impresionante carga de traballo. Todo isto superábao cun espírito heroico e unha ferreña vocación de servicio ós seus pacientes. Mais, precisamente por iso, o seu corpo foise estresando e debilitando hastra aparecer os síntomas de que ou se poñía remedio ou a cousa podía ser mortal. Il, como médico que era, deuse de conta do problema e de que, de non afloxar, podía ter problemas graves, mais, ó mesmo tempo sintíase incapaz de facelo por mor de non deixar de atender ós seus enfermos. Chegados eiquí, foi Pepe Gil o que se prantou e, coma si fose un irmau ou mesmo un pai, trazou un plan a segir. Puxo un cartel na consulta de que, en diante, suprimíanse as consultas dende o venres, pola tarde, deica o lus pola mañá. Con isto, a consulta deixou de estar de servizo permanente, como as petroleiras. Auto segido, meteu ó doutor no coche, sin dicirlle nin a il a onde ían e non veu coil, de volta, hastra o domingo á noite. Isto, implantado como norma, acadou o fin persegido.


Sirvan estas liñas, mal fiadas, como un aporte e unha adhesión ó movemento a prol do Espediente de Honores ó doutor Gallego. Espero que, aló onde estén, o Pepe Gil conqueira que ó doutor lle non poñan mala faciana cando llo adiquen.


PD.- O doutor era natural de Allariz, ¿seica alí non ten amigos?

Te puede interesar