Opinión

O Cambeses

O Teodoro Cambeses era o home máis condecorado da provincia, aínda que o seu xenro di, con moita coña, que llas facían no Malingre e que por iso andaba derreado co peso cando as poñía. Era un falanxista dos da “vieja guardia” que, aparte de outras labouras, facía de escolta dos convois de requisa pola provincia, cando a escaseza de forza militar ou policial o facían preciso. Aconteceu nunha destas espediciós de requisa, co gallo de justificar a medida, que o xefe da partida ordeou de dar o mitin na praza do Castro de Caldelas. Mentres o xefe falaba, os escoltas facían garda arredor dil, e outeaban, moi solertes, pra que non houbese novidades desagradables.

Estaba o Cambeses ollando pras galerías da praza cando, de súpeto,viu ergerse, e despois baixar, un puño tras dunha delas. Púxose a mirar moi atento, e viu que se repetía a cousa e que voltaba a recuncar unha vez e outra. “Así que -pensaba pra si-, amais de comunista eres estreve; pois agarda un chisco que che vou tocala Internacional, pra que bailes”.

Sacou o “chafarote”, rubiu pola escaleira de pedra, púxose en posición e, cando estivo preparado, arreoulle un “viaxe” á porta que mesmo a fixo abrir e bater con toda a forza contra da parede. Cando entrou, coma un lostrego, atopouse cun homiño que, sentado nun escanil, cunha agulla de albardeiro que tiña na mau, estaba a coser un aparello dunha caballería e que, por mor de ter o fío longo, facía que tivese que levar a mau bastante arriba e mesmo parecía que ergía o puño.

O home, cando sintiu o estoiro da porta, que casi se esnaquiza contra da parede, e viu aquil home co pistolón na mau, que miraba pra il, todo abraiado, díxolle: “Si precisa que lle arranxe a albarda ou o ramalillo, non tén caso que me rache a porta nin que me amenaze con esa iarma. Abóndalle con mo decir e arránxollo ó momento. E gratis”.

Te puede interesar