Opinión

A lei da mariña

Don Cristobo, xubilado da Mariña Mercante, ía de caza unha certa mañá, e madrugou dabondo, por mor de que lle non andivesen a espantar as perdices denantes de que il chegase; mais non sempre axuda Deus ó que mais madruga, alomenos nesta ocasión, porque no medio do camiño rachoulle unha correa do motor e, no malo, inda tivo sorte de que pasara por alí naquel intre un mozo viciño que viña de andar de esmorga, que o levou deica-vila, onde puido mercar unha correa nova, coa que voltou pra arranxar a avería. Mágoa que cando chegou atopou o coche aberto e sin o Punto Azul do que il estaba tan orgulloso. Estaba o home todo alporizado, tratando de adiviñar a que traballos se adicaba a nai do que lle levou a radio, cando lle cadrou de pasar por alí o Ricardo da Lampaza, que, así que soupo o que acontecera, tratou de consolalo e máis axudouno a montar a correa e mesmo, ó rematar o chollo, foron xuntos a cazar.

Buscando nas perdices, levantóuselle un bando o Ricardo que lle tirou e certou de baixar unha, mais con tan mala sorte que foi caer un pouco lonxe ió outro lado dun toxal e perto dun paisano que andaba na pingeira dos bullos que, ó ver caer a perdiz, meteuna no geipo e largouse coela. Nin que dicir tén que facendo ouvidos xordos ós bérros que o Ricardo ceibaba.

Don Cristobo, ó ver o cadro, díxolle:

-Amigo Ricardo, á súa perdiz, o mesmo que á radio do meu coche, aplicáronlle a Lei da Mariña.

-¿E que lei é esa?

-Que todo o que se atopa só no mar é propiedade de quen o colla.

Te puede interesar