Opinión

'MAQUI' (O MARIO DE LANGULLO)

Pola segunda mitade da década dos cincoenta, traballlando eu na obra do Canal de San Martiño, no tramo con base en Montefurado, houben de vir a Ourense pra facer unha reparación de certa importancia no camión, que me ía levar uns días, polo que collín a maleta de madeira coas miñas pertencias, e que era a mesma que meu pai trouxera da Gerra Incivil, e coa caixa dunha vagoneta pra reparar no taller de Cachafeiro, collín camiño pra Ourense.


Era xa polo fusco do serán, cando chegei o Castro de Caldelas e parei a tomar un café no bar do Samuel. Parei mesmo á fronte do bar, mais non fixen máis que botar pé a terra, cando se dirixiu a min un home de traxe e chapeo marrós, con bigote moi bén recurtado, que desegida recoñecín coma un axente da 'brigadilla' que adoitaba andar a cotío co sarxento Lamas. Pidiume a documentación. Preguntoume o nome dos meus pais, o domicilio, de onde viña, a onde ía e pra que? en fin que, estando nestas, apareceu un persoaxe dentro dunha gabardina que casi lle chegaba ós pés, cunha gorra calada hastra as orellas e cunha saqueta no hombreiro chéa de fariña, coma si viñera do muíño, e que tamén identifiquei ó momento. Chamábase Onofre, o cal, sin arriar a saqueta, púxose a completar o interrogatorio perguntando si fixera a 'mili', en que corpo, en que datas, onde me licenciaron, etc. Viron que, por riba da maleta que estaba no asento do 'copiloto', había un bulto que correspondìa a unha bobina de reposto, envolveita nun papel de xornal, e perguntáronme o que era. Mentres trataba de dicirlle o que era, fixen o ademán de botarlle a mau, pra mostrarlllela, e, de súpeto, oín un ¡¡quieto!!, que me deixou como paralizado. A esplicación é doada. A bobina, na súa forma, é semellante a das 'bombas de mau' que coido eran as coñecidas por 'Lafitte'.


Estabamos nesto cando se abrìu a fiestra do primeiro andar, na casa que tiña o camión diante, e asomou a faciana do choufer da Empresa Trives que, ó verme, díxome: 'E logo, Xesteira, ¿qué fas por eiquí?' 'Pois, xa vés. Contestando perguntas a esta xente'.


Ó ver isto, perguntáronlle si me coñecía e, ó dicirlle que a min e mais a toda a familia, morreu o conto, con que puden, por fin, entrar a tomar o café. A xente, ó comentarlle o caso, dixo que xa levaban un tempo por alí, facendo indagaciós, por mor de que detuveran, pouco tempo atrás, a un da cuadrilla do Mario de Langullo, por si houbese algún máis escondido.


Máis de vinte anos despois tiven ocasión de falar co Mario, que me presentaron, precisamente, nunha feira do Castro. Sorprendeume, porque eu xa o vira algunha vez no Bar México, do Basilio, mais sin saber quen era. Atopei un home solerte e de pouco conversa que, nembargantes, ó contarlle a miña peripecia, dibuxou un leve sorriso e dixo: 'A verdade é que nos tiñan bastante 'respeto' e que, algus, vían mover unha rama e xa coidaban que era un de nós'.


Non se me esquecerá nunca que, cando lle perguntei canto había de verdade e de mentira no que se dicía diles, díxome: 'Nisto hai tantas historias como xentes que as conten'.


O mais abraiante,na vida diste home, é que, despois de tantos traballos, loita e persecución, á contra de forzas moi superiores en todo, veu a morrer pacificamente na súa casa.

Te puede interesar