Opinión

Presidente ou candidato?

Núñez Feijóo obtivo en setembro de 2016 a única maioría absoluta autonómica do PP posterior ás eleccións de maio do 2015. Mais, paradoxalmente, nunca foi máis irrelevante en Madrid o PPdeG como dende aquela. O boicot da Moncloa á transferencia da AP-9 (aprobada por unanimidade no Parlamento galego), a falla de información á Xunta a respecto da amortización do Laboratorio de Moluscos  da UE ou a retención polo Ministerio de Facenda de 321 mil de euros esenciais para que Galicia poida completar no 2017 o seu dependente e cativo financiamento son exemplos abondo que explican o mal negocio que fixemos dándolle esa maioría absoluta ao actual Presidente. 

Mais a maioría absoluta soberanista e a grande malleira que levou o PP nas eleccións catalás do pasado 21-D causáronlle un grave dano ao prestixio da vicepresidenta española, Sáez de Santamaría, que foi até de agora a política clave no freo á influencia do PPdeG e do propio Núñez Feijóo. De súpeto Rajoy comeza ser abertamente criticado, mentres nin Sainz de Santamaria, nin Cospedal nin Cifuentes semellan ser unha opción para a remuda do pontevedrés. Por primeira vez o principal candidato para suceder Rajoy, a grande distancia das demáis, é o presidente galego.

Velaí o ritmo e  sotaque do seu discurso de Ano Vello, no que se dirixiu moito máis aos españois ca os galegos, para demostrar que é o número un na defensa da caduca idea da España uninacional e que subordina os intereses galegos ás supostas razóns de Estado. E, outravolta paradoxalmente, semella que o incremento da dimensión política de Núñez Feijóo en Madrid non xogará precisamente a prol dos intereses galegos.

Porque o precandidato Feijóo á Moncloa é o mesmo presidente de Galicia que asistiu á liquidación do subsistema financeiro galego, ás peores retalladas no servizo sanitario, á suba dos peaxes e deterioración do servizo na esencial AP-9, ás electricidades e combustíbeis máis caros e á peor pobreza enerxética do norte do Estado, nun país que exporta o 40% da enerxía que produce.

Canto mellor o faga de candidato á Moncloa peor o fará como presidente de Galicia. Porque non se pode estar repenicando e na misa.  

Te puede interesar