Opinión

Por Asturias e Cantabria

Non é a primeira vez que falo destas dúas comunidades ás que acabo de visitar recentemente, e non é a primeira vez que digo que en canto cruzamos a ponte de Ribadeo algo cambia na paisaxe, e moito máis a medida que nos imos adentrando nas fermosas terras de Don Pelayo coas marabillosas vistas panorámicas do Cantábrico desde a autovía. ¡Bendita autovía!, desde a que lembro aquelas outras viaxes da nenez, de volta do País Vasco para visitar á miña familia de Oviedo, nas que era imposible contar o número de curvas por quilómetro e o número de veces que eu votaba os fígados. ¡Bendita biodramina! que daquelas nin coñecía, unha máxica pastilla que ata me permitíu o domingo pasado facerlle trasnadas ao meu coche nun circuito pechado para afrontar situacións de risco, incluídas ramplas imposibles, pistas de xeo, freadas de vertixe en auga e paseo “todoterreo” por intrincadas corredoiras que descubrían a Asturias máis verde e fermosa. Todo elo previo a un suculento xantar que me obrigou a botar unha media soneca antes de continuar viaxe cara Santander, onde cuestionei, como mínimo, o impresionante “Centro Botín” que se ergue no medio e medio dos Xardíns de Pereda e que ten os santanderinos divididos en canto a idoneidade da súa ubicación. En calquera caso, Santander o mesmo que Oviedo son desas cidades “moi señoritas” nas que dá gusto pasear e ver como as rehabilitacións e as novas construccións fixeron delas uns lugares fantásticos para vivir. Eso sí, o mesmo que na nosa terra, entendendo que para que todo estea tan lindo ten que chover; seguramente non tanto como esta primavera na que nos van sair branquias, pero chuvia ten que haber. 

A Deus grazas non me empapei de auga, pero sí de arte, de beleza, de natureza e, claro,  tamén de sidra, ben é certo que esta última tomada con mesura, non como aquela primeira vez nas tolas vacacións de xuventude por Luanco onde case teño que volver ao camping a gatas. A sidra asturiana ben escanciada é marabillosa, pero tamén é traicioneira se non a sabes controlar ou combinar con algún “cachopo” ou algunha outra exquisitez da comida rexional. O famoso “cachopo” ven sendo unha bomba calórica como a “francesinha” portuguesa; en Asturias componse de filetes de tenreiro, xamón serrano ou cecina, variedade de queixos e algúns ingredientes máis ao gusto do consumidor. Hai que dicir que o meu amigo Basilio López e Celtamotor, empresa organizadora do xantar e por suposto da “BMW xDrive Experience”, pensou que o tal “cachopo” iría estupendamente detrás dunha tremenda fabada, e nin lles conto como rematamos o xantar. Non, non vaian pensar que cantamos o “Asturias Patria Querida”, himno da Comunidade pero tamén melodía propia de sobremesas etílicas; non era o caso, xa que todos levabamos coche e había que poñerse en ruta; pero sí que tiven a oportunidade de abandonar o Principado, con parada en Luarca, escoitando o outro “Asturias” de Victor Manuel, recordando cando a sentía por primeira vez na Praza Maior de Xixón con centos de voces coreando “dos veces dos has tenido ocasión para jugarte la vida en una partida y las dos te la jugaste”. 

Te puede interesar