Opinión

O Día da Muller-Neurovisión

Neste Día Internacional da Muller, no noso caso galega, a miña particular homenaxe a todas as mulleres dos feixes de herba na cabeza, ás que fixeron de nais e pais nos duros tempos da emigración...

Ás que criaron fillos coa sabedoría aprendida sen apenas escola, ás que se privaban de todo por darllo ós seus, ás que tiveron, e desgraciadamente aínda teñen, que aguantar o de “nena cala que ti desto non sabes”, ás que amenizaron e amenizan verbenas bailando entre elas, ás que teñen a carreira de administradoras de empresas familiares sen sabelo e sen título que colgue da parede, ás que agora se poñen o mundo por monteira viaxando, bailando e vivindo o que non pudieron facer noutrora; e a todas as mulleres que o longo da miña vida profesional chamaron á radio para falar comigo ou puxeron e poñen as súas mellores galas para vivir en directo os programas televisivos. A miña homenaxe ás mulleres ruráis de toda Galicia que quixeron no seu día darme o premio que máis atesouro, o de “Mellor Comunicador”. Eu, que non creo moito nesto dos premios, gardo éste como ouro en pano, xa que foi acordado por unanimidade de todas elas.

NO “FÍO DE LIÑO”

Asisto á clausura da exposición “Human Matter” do artista ourensán Manuel Penín no “Fío de Liño” alaricano, establecemento que combina gastronomía e arte, ofrecendo na Rúa do Portelo unha variedade de actividades que van desde “A Maxia dos soños” do Mago Teto, o dúo alaricano Yenni & Nico, ata a proposta da cantante galega-palestina Najla Shami co seu disco “Na lingua que eu falo”. Tiven a honra de pechar os actos de febreiro posando para que Penín fixera un retrato dun só trazo como os que terá que realizar para unha gran exposición na “Casa da Parra” compostelá. A experiencia foi interesante ó non poder xesticular nos catro minutos que empregou para retratarme, cousa difícil en min que tanto gusto de falar con voz e mans. O  cadro quedará colgado nalgunha das paredes deste emblemático local que recibe a veciños e visitantes de xeito ben acolledor.

O CALDO DE MOURENTE

Mañá domingo oficiarei de pregoeiro na “Festa do Caldo de Mourente” en Pontevedra; sa xabedes, ese lugar ó que os ourensáns lle roubamos a popular copla de “Ai Sálvora, ai San Vicente, as nenas bonitas haichas en Mourente”, cambiando o final por Ourense. Aínda así, son tan xenerosos que confían en nós para que pregoemos as exquisitices do seu caldo, como xa fixeran anteriormente a cantante María do Ceo ou o actor Rubén Riós.
Tén gracia que sexa eu quen vaia falar das marabillas do caldo que tantas bágoas me fixo derramar na nenez, pero do que tanto gusto agora mesmo. E gusto así mesmo da maneira tan nosa que temos de ser os galegos; xa poden caer chuzos de punta, e abofé que caeron este ano, que nós sempre buscamos o xeito de sacarlle un sorriso á vida enchendo o bandullo e levantando o espírito. Por se faltaba algo, para mañá prevese un estupendo día de sol.

AS PRIMEIRAS “NEUROVISIVAS”

Comezo a escoitar as cancións que se van coñecendo con destino Copenhague para competir en Eurovisión. Á falta de ver como queda definitivamente arranxada o  “Dancing in the rain” que defenderá a murciana Ruth Lorenzo, dicir que de entrada gusto bastante do potente  tema “Children of the Universe” co que Molly representará ó Reino Unido, e non me disgustan os aires folk e country que os malteses Firelight lle imprimen á canción “Coming home”. E polo medio deste primeiro visionado xorden as polémicas declaracións de Monica Naranjo na revista “Teleprograma”, onde non se corta un pelo ó dicir que Eurovisión é un tongo, cando ela mesma participou de xurado na última preselección de TVE. Mónica creo que meteu a zoca ata o fondo, cousa que os eurofáns non lle van perdoar fácilmente, sendo ela sempre unha das preferidas por este colectivo para representarnos. En canto a Ruth Lorenzo, representante española, dicir de entrada que ten que relaxarse un chisco nas súas manifestacións públicas e, ó meu modo de ver, berrar un chisquiño menos na parte final da canción. Polo demáis, unha canción correcta e unha voz potente para o Eurofestival, aínda que a miña favorita fose a canaria de orixe sudafricana Brequette co tema “Mas”, pero hai que recoñecer que na Gala de preselección non tivo a súa mellor noite.
www.superpiñeiro.com

Te puede interesar