Opinión

GAFAS

Moitos de nós somos daquelas xeracións de nenos ós que non se lle puñan gafas; imaxino que nas máis das veces por non haber entón demasiadas revisións oculares e porque as miopías soamente eran detectadas cando algún mocoso pegaba o nariz á libreta máis da conta cando escribía no 'Rayas' ou lía na Enciclopedia Alvarez. Tamén é certo que deus nos librase de ter conciencia da súa necesidade porque o esforzo en disimulalo sería titánico para evitar a tan terrible cantinela do 'gafitas cuatro ojos capitán de los piojos' coa que os diabólicos nenos torturaban á minoría engafada. E todo hai que dicilo, como case todo na época, os deseños de monturas eran máis ben escasos e certamente horrorosos; aínda que agora mesmo calquera daquelas gafa-pasta tipo seminarista sexan consideradas como cotizadísimas reliquias 'vintage'.


A miña primeira aproximación ó mundo óptico veu cos trece anos, antes da miña partida cara Cheste, tendo a sorte de atopar, xa daquelas, a Jorge Varela que me enfundou unhas monturas prateadas envexa do mundo mundial cuns cristáis que cambiaban de cor en función da luz solar, algo que hoxe é do máis corrente pero que naquel entón era o máis 'in'; ben é certo que as usei ben pouco, aínda que conservo unha fotografía para a posteridade posando con elas nunha versión do 'Cesta y Puntos' televisivo daqueles sábados da Universidade Laboral valenciana onde eu comezaba a facer os meus pinitos como presentador de concursos nos comezos da apaixoante década dos setenta. E os concursos quixeron ser testigo do meu reencontro coas lentes, xa que nos últimos anos de 'Supermartes' houbo que deixar de agrandar as letras das tarxetas coas preguntas das 'superprendas' para ir introducindo tímidamente uns cristáis ó aire, anticipo do que sería a necesidade total e absoluta de que as gafas formasen parte do meu atuendo. E como da necesidade hai que saber facer virtude, as gafas levan constituíndo desde aquelas un elemento importante no estilismo televisivo, volvendo a deixar en mans do ourensán Jorge Varela a asesoría óptica e estética, atrevéndonos cunha impactante e novedosa cor bermella moitos anos antes de que a Buenafuente se lle dera por elixir a mesma cor e o mesmo modelo. A moderno non hai quen lle gane ó amigo Jorge, do que aínda conservo aquelas prateadas dos trece anos e as bermellas que aínda sigo utilizando, sen esquecer as gafas 'Elton Jonh' saídas da súa 'Novaóptica' que case impactaron tanto no seu día como a campaña de promoción previa a apertura do seu novo negocio que fixera nestas mesmas páxina de La Región. Co paso dos anos e o aumento de dioptrías serían os profesionáis vigueses de 'Mamblona Ópticos' quenes collerían o relevo desde que asentei os meus reáis na cidade olívica vai xa para catorce anos, permitíndome lucir todo canto modelo de gafa se me antolle, e conseguindo o efecto mediático de que boa parte da 'parroquia' agarde expectante pola nova proposta de cada programa como antes agardaban por ver que garabata me creaba en exclusiva o deseñador Gene Cabaleiro, do que tamén conservo uns cantos dos deseños máis atrevidos, envexa do Carrascal dos noticieiros.


Os nenos de agora, como en case todo, xogan con múltiples ventaxas, desde que lles controlen a vista en 'parvulitos' ata que o feito de levar gafas se convirta nun elemento diferenciador en positivo, xa que se o gran Harry Potter as leva por algo será. Créanme, isto dos personaxes admirados polos nenos funciona estupendamente contra calquera posible complexo.

Te puede interesar