Opinión

Tempo de poetas

OPen Clube de Galicia ven de concederlle a Arcadio López-Casanova o Premio “Voz de Liberdade 2015”; a entrega do mesmo, unha peza do escultor ourensán Acisclo Manzano, terá lugar nun acto a celebrar no Consello da Cultura Galega o próximo 28 de novembro, para así recoñecer o traballo e o compromiso con Galicia deste profesor, poeta e crítico literario, ademáis de membro da RAG, desde aqueles tempos nos que mesmo lle censuraban a obra “Palabra de honor” publicada no 1967. Foi o máis novo da chamada xeración dos 50, na que tamén estaban Manuel María, Uxío Novoneyra ou Salvador García Bodaño, entre outros.  

E agora véñenme á memoria lembranzas da miña época de “militante cantautor” e das veces que presentaba algunha canción nomeando ao seu autor sen saber moi ben de quen estaba falando. Pasábame co poema “Xografía” deste premiado autor , que a un rapaz de dazaoito anos, instruído nun bacharelato onde non existía a literatura galega, non lle soaba demasiado; pero que polas cousas do destino, buscando letras para poñerlle música ás súas inquedanzas sociais e mesmo políticas, atopou este poema dun profesor galego que andaba por terras valencianas, e quixo que formarse parte do repertorio daqueles recitais que o levaban por diferentes institutos e casas de cultura da provincia ourensá. Daquelas, aquel rapaz que mal tocaba a súa primeira guitarra acústica “Ibánez”, mercada cos cartos gañados cantando outro tipo de cancións na cea-gala de Noitevella do Hotel San Martín, inspirábase en todo o que interpretaban os compoñentes de “Voces Ceibes” no seus recitais. O “Ti Galiza” ou “A Maleta” que cantaba Miro Casabella, a quen coñecera nun impactante concerto no Campo da Barreira alaricana; “Os Orfos” ou “Nosa Señora da Guía”, cantadas por Benedicto e Bibiano, de quenes disfrutara no mítico Festival da Canción Labrega da Merca, que cada ano organizaba o sempre inquedo e fantástico Ramón que rexentaba o Mesón do Labrego; e por suposto todas aquelas cancións saídas da terra dos poetas, Celanova, desde o “Digo Viet Nam e basta”, “A Xeito de S.O.S.” ou a fermosísima “Eu en ti” de Celso Emilio Ferreiro, á que tamén musicara Suso Vahamonde, ata “O Maio” de Curros Enríquez que tan ben cantou sempre Luis Emilio Batallán, outro dos meus referentes musicáis por atesourar un dos discos imprescindibles na historia da música galega, o que leva por título “Ahí ven o Maio”. 

Viñeron hoxe a min todos estes gratos recordos de mocedade, de inquedanza, de reivindicación e de crenza de que as cousas podían cambiar e algo había que facer para elo. Seguramente nos momentos que estamos vivindo hoxe en día, onde o excesivo ruído e empacho de titulares lle impide a moita xente reflexionar con mesura e templanza para encarar un futuro que se sabe incerto, volve ser a hora dos poetas, dos filósofos, sí, dos filósofos, e ¡maldito aquel que retire a filosofía dos currículums escolares!, dos intelectuais, dos xornalistas de raza, dos cantautores e de todos aqueles que nunca comulgaron nin comulgarán con rodas de muíño.

Te puede interesar