Opinión

Viños e tapas

Aínda que estaba convidado a cear, preferín unha vez máis deixarme contaxiar polo marabilloso ambente que xeneran as rúas dos viños da capital ourensá. Confeso que lle estou collendo de novo gusto a ese ritual que tanto practiquei nos anos universitarios e docentes, o de aparecer pola Praza do Ferro e aos poucos minutos xa atopar con quen dar un par de voltas por eses santuarios gastronómicos, onde a xente nova se puxo á fronte daqueles antigos negocios nos que tanto “trafegamos”. Dá gusto ser saudados polos sorrisos de Facundo e os seus compañeiros do Bar “Barallete”, que che van ofrecendo esquisitices ás que é imposible resistirse; ou facer meta volante no ateigado “Fuentefría” para agardar con paciencia, porqu as cousas con fundamento levan tempo de preparación, polo delicioso xamón asado, vendo como detrás da barra os máis novos aprenderon a mestría daqueles xóvenes rapaces que aprendían á sua vez o oficio dos seus maiores. Todo un legado de riqueza gastronómica e de marketing. E como eu tamén me deixo aconsellar polas xentes máis novas que herdaron en Ourense ese gusto pola calidade de vida que disfrutamosen torno a un viño, un pincho ou unha caña, volvo ser fiel a un local que me gusta especialmente, o “Tapa Negra”, un moderno bar que me ten enganchado pola súa sabia combinación entre a cociña de toda a vida e as novas maneiras de enfrontarse ós fogóns que teñen
os xóvenes profesionais saídos das fantásticas escolas de hostelería como a de Vilamarín, que che preparan uns chipiróns con mostaza e mel de chupar os dedos.

Quedo alucinado ó ver como o “chef ” é quen de atender co seu equipo a todo un bar cheo, traballando con alegría, con sorrisos para todo o mundo, e coa música rock soando de fondo mentres menea, á vista dos clientes, todas as súas cazolas, tixolas e demáis cacharraría. ¡E iso que me tocou estar de pé todo o tempo!, eran noites de Entroido e así tiña que ser, locais cheos ata a bandeira. Quixen empaparme un ano máis dese marabilloso ambiente carnavaleiro da nosa cidade, ó que eu tamén contribuín a crear hai xa uns cantos anos, cando nos disfrazabamos dia e noite, desde a hora do vermú ata ben entrada a madrugada. Agora confórmome con ir ata “O Almacén” da rúa Santo Domingo e mercar un par de perrucas de cores para non desentoar co resto da poboación, e poder tomar un “chistonis” co fisioterapeuta e amigo Casiano na tardiña do domingo, un día antes de que decidise novamente poñer o mundo por monteira e sair case “en pelota picada” a vivir a vida, ao lado da incombustible troupe comandada polo estilista Paco Gallego e o xerente da axencia “Luena” Manuel Varela, que un ano máis sorprenderon a propios e extraños coas súas espectaculares e divertidas creacións. 

Imaxino que a estas alturas, en pleno sábado de piñata, estarán todos tratando de recuperar forzas por se aínda hoxe hai que darlle “unha última entrada”; pero por se se aburren, sempre poden desprazarse ata Vigo onde, polas inclemencias do tempo, cambiouse o desfile do pasado sábado polo de mañá domingo.

Te puede interesar