Opinión

Esquecemento entre fume

Aevidencia máis anterga do uso do lume atopámola en Terra Amata (Francia), o Homo heidelbergensis foi o primeiro en controlar o lume como ferramenta, hai aproximadamente 400.000 anos. Miles de anos despois, en Galicia, cando as condicións meteorolóxicas o permiten, o lume anda ceibe polos ecosistemas forestais.

Nos anos 90 Galicia gastaba unha media de 30 millóns de euros na prevención e extinción dos lumes forestais, hoxe o diñeiro público adicado aos lumes supera os 105 millóns de euros, dos cales en 2013 aínda non se investiu un só euro en traballos preventivos. Estes datos económicos convirten a Galicia no territorio de toda Europa que máis diñeiro adica a extinción de incendios forestais, entrando de cheo nun círculo vicioso longamente denunciado “máis medios, máis incendios, máis medios...”

Producido un incendio forestal, o clima, a meteoroloxía e o estado da vexetación son tres dos principais condicionantes, que non por elo causantes, da evolución e perigosidade do lume. Se estes factores son adversos pouco podemos facer diante de vagas de lumes como a acontecida neste verán mais se invertiramos os esforzos e melloraramos a prevención teríamos evitado a maioría dos incendios e a perda de centos de millóns de euros.

Recoñecendo a alta intencionalidade, sabendo que moitos incendios son producidos por neglixencias e que unha parte importante son causados polo mal estado das distintas infraestruturas, a investigación das causas debe ser o eixo sobre o que pivote calquera política de montes. Por elo, un dos pasos para previr incendios consiste en afondar na análise das causas que os provocaron, débeselle por nome e apelidos a cada delito por incendio forestal rematando coa impunidade coa que actúan os incendiarios.

O fume, as cinsas e o tempo fan esquecer aos gobernantes e ao conxunto da sociedade este grave problema medioambiental, máis que nunca precisase dunha nova cultura forestal fronte aos incendios, non se poden seguir aplicando os mesmos remedios e de maneira ilusa esperar outros resultados.

Ogallá que estas primeiras choivas de outono non nos sumen noutro letargo invernal, ogallá que os responsables políticos e representantes sociais sexamos capaces mediante canles de participación pública atopar solucións e rematar cos lumes nos montes de Galicia.

Te puede interesar