DECLARACIÓNS

Feijóo pon a Casares como exemplo para defender que a lingua é de todos

"Un galego que non emprega a lingua propia de Galicia non é un inimigo que é necesario combater senón un irmán que é necesario convencer", manifestou

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe na localidade de Xinzo (Ourense) o "carácter comprometido" de Carlos Casares, escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas, para reivindicar que a lingua "é de todos" e como "punto de encontro" e non duns poucos.

Feijóo fixo esta reflexión durante os actos de homenaxe do Día das Letras Galegas que acolleu este mediodía a localidade ourensá de Xinzo de Limia.

A vila ourensá acolleu pola mañá a sesión da Real Academia Galega á que deu paso, acto seguido, o descubrimento dunha praca na praza anexa á casa consistorial, que leva o nome do escritor ourensán.

Este acto contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o alcalde da localidade, Antonio Pérez; o portavoz socialista, Xaquín Fernández Leiceaga (Casares foi deputado autonómico polo PSdeG en 1981), e do delegado de Goberno, Santiago Villanueva.

Na súa intervención, o titular da Xunta reivindicou a lingua galega co gallo da celebración do Día das Letras, "un día festivo para Galicia" e "un día especial para os galegos", apuntou, en referencia á homenaxe a Carlos Casares, unha "figura poliédrica", da que destacou a súa faceta como "conversador, recopilador de anécdotas" e "viaxeiro" así como "comunicador universal".

"Un galego que non emprega a lingua propia de Galicia non é un inimigo que é necesario combater senón un irmán que é necesario convencer", manifestou Feijóo, quen se encargou de descubrir a praca.

Durante o seu discurso, o presidente resaltou "a contribución" de Casares ás institucións galegas, entre elas, o Consello Galego, a editorial Galaxia ou o Parlamento, institución esta última na que "tendeu pontes que, entre outras, cousas, fixeron posible unha Lei de Normalización Lingüística" e que "cristalizou o galeguismo cordial e transversal" poñendo a "pedra angular da convivencia" coa lingua "como punto de encontro", abundou.

Tamén destacou a achega do escritor de "A galiña azul" e "Vento ferido" á literatura e que se plasmou "nunha obra fecunda" e ao mundo literario e intelectual e, en concreto, na literatura infantil e xuvenil de Galicia destacando ademáis a súa relación con outros escritores galegos no que tachou dunha "conspiración pacífica".

Dentro das calidades, resaltou o seu espírito comprometido "con ideas que unen e non que dividen" e que, segundo dixo "trasládase á lingua nun día onde invocou a outro expoñente como Rosalía de Castro". Tal día como hoxe en 1863 publicouse o primeiro exemplar do Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

Ademáis, o alcalde de Xinzo Antonio Pérez puxo en valor, na súa intervención, a "bonhomía" e carácter entrañable de Casares para reivindicar o carácter integrador deste intelectual ante a mirada atenta e emocionada dos seus familiares.

"O papel de Casares non se entendería sen Xinzo nin as súas terras e que é un reflexo do que viviu e onde foi consciente do que era Galicia", comentou o fillo maior do escritor, Hakan Casares.

Como colofón do acto, que contou coa interpretación do himno galego, o presidente da RAG, Victor Freixanes, puxo en valor o "carácter cívico" das Letras Galegas e asegurou que a cultura galega "non son catro provincias" senón todas as "Galicias" representadas tamén no exterior.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, encargado de fechar a cerimonia, reivindicou a defensa do territorio como a mellor forma de defender o galego onde axuntou "lingua e cultura", dúas calidades, dixo, que representa "moi ben Casares".

A fadista María do Ceo, que é Filla Predilecta de Xinzo, interpretou como broche de ouro un tema adicado ao escritor homenaxeado nas Letras Galegas. 

Te puede interesar