SOBRE ADOUTRINAMENTOS E VALADOS

Están ben os debates acendidos e interesados de tanto profesional tamén interesado onde debullan cada quen como mellor lle conveña o que acontece ou aconteceu no desenvolver histórico deste país chamado España, do que, de maneira incrustada ou non, depende, forma parte Cataluña.
Historias a un lado e intencións a outro, o asunto queima e incita. Aínda así, e non hai moito, as expresións 'isto en Cataluña non pasaría' ou, 'xa nos gustaría a nós estar coma os cataláns', estaban na boca de moitos cos que cada xornada nos seguimos cruzamos un bo día, unha boa tarde, ou un ata mañá. A cousa está en que dun andar para acá pasamos dun sentir de quen dera a un sentir de que lles dean.

Que aconteceu entón para esta ascendente repulsa anticatalanista? Supostas voces ceibes españolas desde supostos medios ceibes españois insisten nun presumible adoutrinamento antiespañol dentro dos ofensivos valados cataláns. Adoutrinamento que, ao resto do estado, chega difundido por eses mesmos medios a través das lentes polas que queren que miremos aos cataláns.

Eu, con 44 anos de turra e empurra, recordo de sempre, escola, instituto, xornais, televisión, radio, deportes e máis, mensaxes claras, diáfanas e contundentes dun españolismo anticatalán que incluso me atrevería a definir como obsesivo. Descoñezo o posible adoutrinamento antiespañol por parte de Cataluña. Haberá. Non o sei. Mais, si fun e son testemuña dun adoutrinamento español anticatalán sempre presente e cada vez máis influínte.

Te puede interesar
Más en Cartas al director