Arte et alia

Do CGAC para nós, Néboas de Luz

A vía láctea de Andrea Costa.
photo_camera A vía láctea de Andrea Costa.

É unha das exposicións dunha “Mirada a Galicia” do Centro Galego de Arte Contemporánea, tralas Pingas e rompentes do Museo do Mar/Vigo. Dende o museo compostelán de referencia fíxose un relatorio baseado no “interese pola auga, os seus tránsitos e derivacións como esas pingas que irrompen nas rochas facendo resoar os seus ecos”, coas obras dos artistas seleccionados. Para esta mostra son unha ducia de artistas que nos achegan, e como na cidade olívica son un grupo con paridade de xénero, condición de base buscada pola comisaria das dúas, Sara Donoso. Máis aquí o fío condutor resulta non ser o vapor da auga das Burgas, como se podería deducir do título, e así debería selo en paralelo a Vigo, preferindo apoiarse na obra de Andrea Costas (Vigo, 1978), vista na Casa do Cabido santiagués, 2019, A paisaxe e a súa pegada, comisariada por Mercedes Rozas: de costas, semi desvestida e coas mans nos peitos, e á súa altura unha liña branca da que colgan outras asimétricas, composición que unía naquela altura maternidade e Camiño, pois dixera andar «co aleitamento dos meus fillos».  Está na exposición illada e destacada, como unha declaración de intencións arredor dun feito fulcral feminino, autora que gusta de expresar emocións.

Con ela, Éclats, de Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978), pezas de barro pintadas de negro. A autora, que vive entre Porto e París, é unha artista do conceptual. Amaya González Reyes (Sanxenxo, 1979) trae “Yo gasto”, obra coa que esta profesora da UVigo semella querer bater nas conciencias. Distinta é ST.#2 (da serie Himno), de Juan López Pérez (Ferrol, 1973), licenciado en Ciencias da Música en Salamanca ademais de Historia da Arte na USC. O seu, unha proposta de performance para os espectadores, escoitar e ver dende as cadeiras de gravación dos trompetistas interpretando o himno galego mentres se molestan. E Mauro Trastoy (Ferrol, 1971), artista e deseñador gráfico, con explícitas obras dacabalo coa artesanía, la sobre tea de saco, semellando cadros.

Os máis maiores, Menchu Lamas (Vigo, 1954), cunha das súas coñecidas e coloristas obras abstractas, e Isaac Pérez Vicente (O Rosal, 1955), o primeiro galego en expoñer no CGAC, presente cunha extraordinaria peza de imaxe e escritura, coas súas icónicas-fetiche, carrete de fío, soldado e metro. Algo máis novos, Carlos Rodríguez-Méndez (Pontevedra, 1968), que vive en Oslo, trae “Casas gallegas”, pazos cun home, el mesmo, pendurado polo pescozo: unha reflexión fronte ao suicidio. E “Christian” Villamide (Lugo, 1966), artista multidisciplinar autor de dous Parterres invertidos en contedores que poñen en cuestión o orgánico fronte do artificial, que expresou cun suxestivo workshop paralelo, “Entre a paisaxe e o territorio”. E os benxamíns da mostra, Pablo Barreiro (Meaño, Pontevedra, 1982), co negativo dunha obra cerámica, instalación que busca darlle valor estético; a ourensá Tamara Feijoo (n.1982), cun debuxo sobre papeis vellos en patchwork; e Ana Pérez Ventura (Compostela, 1981) con “24 Neumas (Chopin op.10 & op.25)”. Formada en Belas Artes na UVigo e Barcelona, e música nos conservatorios de Vigo e Ámsterdam,  vive en París. Unha obra que defende coa pintura o traballo efémero de pianista. En suma, un elenco que expresa o rumbo da arte e o camiñar do Museo.

Te puede interesar