Arte et alia

Ilustracións de Almada-Negreiros en Ribadavia

A vitrina central da exposición.
photo_camera A vitrina central da exposición.

Visitamos a sala do arco do Museo Etnolóxico de Ribadavia, espazo de exposicións eventuais, tralo patio central do antigo edificio. Imos ao encontro das obras orixinais, case cincuenta tintas chinesas, do artista modernista portugués Almada-Negreiros, para descubrir nelas a súa man, o trazo da pluma que, mergullada no tinteiro, traza con seguro xesto a idea da súa fértil mente. Pensar coas mans, unha linguaxe non verbal que se capta no tempo e, que expresa na albura do papel o artista. Eis a porta do coñecemento, o tacto da mente. O gran creador portugués foi ademais un pintor e escenógrafo de teatro, dramaturgo e actor, bailarín e... poeta. Un artista total.

A elegante colección vén desde Bragança como préstamo dun dos museos desta pequena gran cidade cultural do nordeste de Portugal, o Museo do Abade de Baçal, con seccións de arte sacra, arqueoloxía e artes pictóricas. E chega a Ribadavia no marco do proxecto tras fronteirizo Nortear  que trata de reforzar os vínculos artísticos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Por elo na inauguración estaban Anxo Lorenzo secretario xeral de Cultura, Laura Castro, directora rexional de Cultura do Norte, e Xosé Lago secretario de Cooperación Territorial da Eurorrexión acompañando a César Llana, director do Museo.

O Rapto de Europa, e Hermes como padroeiro do progreso.
O Rapto de Europa, e Hermes como padroeiro do progreso.

 

A mostra intitulada “Fábulas de Almada Negreiros” define como a maioría dos debuxos son os que fixo o artista para ilustrar en 1936 o libro “Fábulas”, do escritor e xornalista Joaquim Manso, que ten a dirección gráfica de Luís de Montalvôr, o gran poeta caboverdiano do modernismo portugués, e codirector da famosa revista Orpheu, na que escribiu, como Fernando Pessoa. E Almada pechará o círculo pintando nun café, vestido de negro e con sombreiro nun coñecido cadro en vermello co número dous daquela publicación. Eles tres, e o pintor Amadeo de Sousa-Cardoso, foron unha forma de ser moderno, os “Nós” da modernidade en Portugal dende 1915, un espello para Galicia. E as obras de Ribadavia demarcan os inicios do Estado Novo portugués. Aquí están o morcego, o raposo, o pavo real, mais tamén o león; sendo a ra coa margarida, en relación co malquerer, portada do libro. Con eles, o fermoso e icónico galo, símbolo do veciño país e en relación co Caminho a Santiago dende Barcelos. E o pavo, que se destaca como aquel en cores na vitrina central. Con eles un exemplar daquel libro, e “O Pórtico e a Nave”, 1943, obra do mesmo autor e editor, do que hai algunhas ilustracións, de maior tamaño e distintos motivos iconográficos, que completan a exposición. Así os do Can e o cego, Adan e Eva, Raul Brandão, e o do Mar escola da nación, tan significada para a historia do imperio ultramarino luso. As do Rapto de Europa e o Cristianismo, e a de Hermes como padroeiro do progreso e comercio, teñen un ar erudito. Hai así nesta mostra a piques de rematar unha máis que interesante oportunidade para achegarse a José Sobral de Almada Negreiros, ben coñecido no Madrid dos anos vinte, e que para Ramón Gómez de la Serna era un “Ser impar en medio de la pintura y de la literatura portuguesa”.

Te puede interesar