Arte et alia

Xosé Luis Otero expón en Bragança

O artista entre as súas obras da gran sala do museo portugués.
photo_camera O artista entre as súas obras da gran sala do museo portugués.

Aprensa portuguesa celebraba a inauguración de “Distopia”, a sobranceira exposición de Xosé Luis Otero Becerra (Nocelo da Pena / Sarreaus), como “uma forma diferente e muito própria de ver o mundo”. O das percepcións vitais do artista dende as súas, engadimos nós. Achegámonos así a vela en Bragança co propio artista, no nordeste transmontano portugués, onde leva un tempo en exhibición no paradigmático Centro de Arte Contemporânea Graça Morais. A exposición é a pièce de resistence no trimestre que está a devalar, 2021-2022, neste moderno edificio da autoría de Souto de Moura. Eis memoria selectiva como a do Premio Priztker, o laureado Nobel dos arquitectos, cando se enfrontou a esta obra da que mantivo a antigo corpo coa fachada trala que fixo medrar o novo edificio de rechamante cor branca, que medra ao longo do predio. Así o fai Xosé Luís coas súas fulcrais vivencias de infancia e adolescencia para ofrecerémolas transformadas coa linguaxe do seu dicir plástico.

A posta en escena ven da man da curadoría de Jorge da Costa, Director do propio CAMGM que conseguiu facer falar as obras nunha danza coral nos distintos espazos. Así comeza a viaxe dende a entrada, coas telas pintadas en dous campos cos pigmentos de Nocelo da Pena, fragmentos en orixe do toldo do camión do pai, e outras obras que remiten a fiestras e reelabora en bicromía, ámbalas dúas códigos-base dun sentir. Todo elo nos introduce cara a entrada dun recuncho en penumbra no que o ser se remansa desde a ollada misteriosa dende as paredes que evocan a memoria coa vídeo-instalación de imaxes de cadros de seres queridos. Mentres, ecoa un son acompasado no pequeno cuarto, o do latexar dun corazón, o do artista... O espazo da escaleira tres cadros nas que os vimbios atados definen un querer facer a rodriga cos recordos, que nos predispón á gran sala central con lucernario.

Neste espazo compartido as paredes falan de paisaxes urbanas, “arquitecturas baleiras” en altura, reflexións arredor do impacto do tempo en que chegou a Vigo para estudar, dende a construción de catros dende a destrución dunhas significadas portas até a secuencia do borde mariño da ría, seis grandes pezas que xuntas evocan algas mariñas douradas biflaxeladas filamentosas, nas que Otero deixa as pegadas das súas mans, logo da fragmentación do material primixenio, creacións todas dende a estética da destrución. No espazo central, medra a instalación dunha cidade baleira, silenciosa e distópica pola pandemia, que remite ao tempo en que estivemos pechados en pisos e casas. Con cartón recortado e pegado, un traballo minucioso de construción das torres cilíndricas, que pinta con mestría e cores cálidas.

Obras que atan lembranzas.
Obras que atan lembranzas.

Mais resta a conclusión do camiño. Unha estreita rampla en descenso coa sensación de sermos ollados por descoñecidos animais dende as matas da floresta, que chega a un claro con árbores de pel clara recreados dende as cortizas dos eucaliptos cortadas, dobradas e pintadas, a escenografía dun neo bosque, como aquel de bidos da súa terra nos tempos da infancia, unha reconciliación dende a serenidade... Temos así evocación dil Dante, “nel mezzo del cammin di nostra vita” en que achouse perdido nunha selva escura, na que o Poeta recoñeceu que tivo medo.

Ao cruzar na viaxe a comarca da Limia, a das súas raíces, o río da memoria aboia: ela é a esencia da gran mostra bragantina, na que se enredan como cereixas nunha fonte catárticas lembranzas. Desapareceron aquelas fincas e bosques de bidueiros nas súas terras entre o monte e a chaira limaia, os limes da súa paisaxe patria e matria da feliz infancia de xogos e experiencias vitais, unha consecuencia do proceso de concentración parcelaria. Máis nesta exposición tan escenográfica e circular no concepto sandou bañado na luz. Escultura e instalación, pintura e vídeo son as expresivas formas que trasladou desde Porriño (Pontevedra), onde ten o taller este ourensán do rural con residencia en Vigo. Unha magnífica forma do seu talento, para este internacional artista que ten exposto nos países do norte de Europa, o primeiro galego en facelo neste espazo referencial da arte contemporánea de Portugal. Sen dúbida algunha, a decantación dunha envexable madurez plástica.

Te puede interesar