LITERATURA

Da dúbida metódica

Que Hamlet  é unha virgallada, xa se sabe, non fai falla o cuarto centenario da morte de Shakespeare para recordalo

Veño de ver un Hamlet excepcional. Entendámonos: Hamlet  é sempre excepcional, porque nel está todo e, aínda, de todo. Porque, mesmo, hai nel unha teoría sobre como debe ser o teatro (ou sexa, unha poética teatral) e –tamén- a posibilidade de que o propio teatro exerza de terapia e solución a un enigma. Como sabemos o de que o Príncipe de Dinamarca comprobe se súa nai e seu tío foron os asasinos do pai, tal como semella indicarlle a pantasma deste.

Todo, pois, en Hamlet: a dúbida, a vinganza (de Hamlet e Laertes, este último das mortes do pai, Polonio, e irmá, Ofelia, ben que esta última de man propia), a loucura, a ambición. Por iso esta función, para a xente da época non máis que un “western” violentísimo, para nós, todo un tratado de filosofía sobre -precisamente- a dúbida metódica. Pensaba en todo isto o outro día, vendo no Fernán Gómez (de Madrid) talvez o melllor Hamlet  de cantos levo visto. A cargo do Teatro Clásico de Sevilla, en montaxe e dirección de Alfonso Zurro. Dúas horas (e media) compridas de representación, sen intermedio (como adoita acontecer hoxe), cun decorado especular, con espellos, digo, onde estes permiten xogos e labirintos, e con axuda das luces axeitadas que o campo sexa pazo e nao e -mesmo- sala teatral (para que os cómicos muden a súa función en terapia de grupo e, mesmo, revelación transcendental). 

Que Hamlet  é unha virgallada, xa se sabe, non fai falla o cuarto centenario da morte de Shakespeare para recordalo. Con todo axuda, e moito, a magnificalo unha representación tan “total” como a que veño de ver. Mesmo ben adaptada, sen arbitrariedades nin licencias chocalleiras que derramen o resultado.  Hamlet en estado moi puro, pois, cos medios de hoxe que non son, precisamente, os da época de William Shakespeare. Que fan brillar aínda máis a opacidade dunha historia, con protagonista vestido de negro, tal cal o imaxinara Shakespeare. O home do pendente tam como o representa a iconografía “ad usum”. Aquí representado desta maneira, choscadela ao respectable, por Claudio. O tío asasino de Hamlet, o habitante de Elsinor, o Príncipe de Dinamarca, aquel “incerto señor” para Álvaro Conqueiro, outro que tamén danzaba na dúbida metódica. E -se cadra- facía ben.

Te puede interesar