O Día das Letras Galegas celebrarase en Verín o 26 de maio

concurso literario concello de verín
photo_camera Imaxe da última gala celebrada en Verín.
Os certames literarios de poesía e relato curto obtiveron un total de 36 finalistas. A gala contará cun recital sobre Florencio Delgado Gurriarán

En total, 36 alumnos de catro centros educativos de Verín son finalistas no Certame de poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez e no Certame de relato curto Antonio Fernández Pérez, iniciativas que promove o Concello de Verín no marco de actividades programadas para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Este ano, a gala de entrega dos premios non se celebrou o pasado 17 de maio e farase o vindeiro xoves 26 de maio no Auditorio Municipal. Como novidade, a cita contará cun recital poético-musical, con soporte audiovisual, no que o actor valdeorrés Paco Campos recitará unha serie de poemas de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este 2022. Ademais, os gañadores dos concursos literarios lerán as súas creacións. 

No acto entregaranse premios de 90 euros -primeiros-, de 60 euros -segundos- e de 30 euros aos terceiros clasificados en cada unha das tres modalidades dos dous certames literarios. A todos os finalistas entregaráselles un diploma e un lote de libros.

Os centros participantes este ano nos certames foron o colexio Amaro Refojo e o María Inmaculada, o instituto Castro de Baronceli e o colexio Apostólico Mercedario.

Recital músico literario

O actor valdeorrés Paco Campos recitará durante a gala unha serie de poemas de Florencio Delgado Gurriarán. Será un breve, pero intenso, percorrido por algúns dos versos máis representativos do autor: dende os seus comezos en Córgomo, con poemas optimistas e vitais, nos que amosaba o seu amor pola paisaxe, viño e as xentes de Valdeorras, pasando por unha etapa escura e case descoñecida de poeta comprometido e loitador, onde mostra unha vea satírica sorprendente, ata os poemas do exilio en México, nos que a nostalxia da Terra non impide a creación dunha obra mestiza e crioula de forte alento telúrico.

Palabra e música serán complementadas e potenciadas cun soporte audiovisual elaborado polo director valdeorrés Domingo D. Docampo, autor de "O Castiñeiro morto", unha curtametraxe de homenaxe a Delgado Gurriarán, que será proxectada previamente ao recital. 

Te puede interesar