Cultura

O Día das Letras Galegas, dedicado a Delgado Gurriarán

undefined
photo_camera O Concello do Barco organizou un acto de celebración na biblioteca Florencio Delgado Gurriarán.

A Academia Galega recoñece a obra do poeta valdeorrés dedicándolle a xornada do vindeiro ano

Tras varios anos de intentos, Florencio Delgado Gurriarán terá por fin o seu Día das Letras Galegas. A noticia coñeceuse onte á mediodía tralo pleno da Real Academia Galega, no que a candidatura do poeta de Córgomo venceu á conxunta de Ánxel Casal e Federico García Lorca e á do lucense Fiz Vergara Vilariño. Despois de cinco anos de esforzo institucional e social dende a comarca, o vilamartinés será homenaxeado pola súa actividade literaria e o seu activismo político.

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, afirmou tralo anuncio que Delgado Gurriarán é “o poeta das terras de Valdeorras, un poeta que escribe dende ese enxebrismo lingüístico do galego oriental” e puxo en valor a súa faceta como exiliado mexicano. “Vai ser unha oportunidade de coñecer unha Galicia á que nos achegamos por primeira vez, e o capítulo do exilio mexicano, un capítulo moi importante da nosa historia contemporánea”. 

Débora Álvarez, coordinadora do proxecto “As Letras de Florencio”, que impulsou a candidatura, expresou o seu xúbilo. “Estamos entusiasmados. Levamos moito tempo soñando con esta homenaxe e traballando para que isto se cumpra”. E agradeceu o apoio dos valdeorreses que se sumaron á campaña. “O apoio de toda a xente está sendo fundamental. Sempre foi moi importante o apoio dos veciños e das veciñas” .

Sobre a actividade de Florencio, Álvarez di que “non só é un poeta dunha calidade irrefutable a día de hoxe. Foi un político cun peso importante no devir dos acontecementos do século XX”. E pon en valor o seu traballo para conservar os trazos dialectais da comarca: “Dende novo foi moi consciente do léxico valdeorrés que se estaba a perder”.

No ámbito cultural e institucional valdeorrés sucedéronse tamén as mostras de felicitación e ledicia. Entre as reaccións atópase a de Alfredo García, alcalde do Barco, quenflorenciodelgadogurriaran1981.jpg_web comentou en redes que se trataba dun “obxectivo conseguido”. O PP barquense dixo alegrarse da escolla da RAG. María Albert, deputada do BNG por Ourense, declarou tamén en redes sentir “felicidade absoluta”; e Aurelio Trincado, presidente do IEV, declarou que “hoxe é un día de festa en Valdeorras”.

Un poeta valdeorrés no exilio mexicano

Florencio Delgado Gurriarán naceu en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) en 1903. Avogado de formación, foi poeta e articulista. Era membro do Partido Galeguista de Valdeorras, pero debeu escapar a México a través de Francia en 1939 para fuxir do franquismo. En América non rompeu o contacto coa súa terra natal, e fixo de ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia Interior. A RAG defíneo como “un extraordinario activista cultural”, promotor de diversas iniciativas relacionadas coa cultura galega. Da súa pluma saíron obras como “Bebedeira” (1934), un poemario próximo ao hilozoísmo, ou “Cantarenas”. Tivo un gran papel na creación da revista “Vieiros”, un gran fito do exilio galego en México. Faleceu en 1987 en Fair Oaks, California.

Te puede interesar