EXPOSICIÓN

Os afiadores son minimalistas

BeFunke_result
photo_camera Sofía e Fernando, creadores do estudo de deseño "Xiralúa".

Unha vintena de láminas con deseños dos traballos máis enxebres de Galicia exhíbese a partir de hoxe, ás 20,30 horas, en Basquiart

Afiadores, barbeiros, costureiras e outros traballos da Galicia máis humilde son os protagonistas dunha mostra de láminas que se inaugura esta tarde ás 20,30 horas en Basquiart. Detrás de "Oficios tradicionais, unha ollada minimalista" están dous mozos que deixaron o camiño das Humanidades para facer deseño inspirado na literatura e na cultura galega. Sofía e Fernando son "Xiralúa". 

"Coñecímonos facendo un máster de Arqueoloxía. Vimos que o noso non tiña moita saída e cos coñecementos de Humanidades e Historia da Arte das nosas respectivas carreiras, decidímonos polo deseño gráfico", explican os fundadores de Xiralúa.

A exposición que traen a Ourense leva o seu selo de identidade: creación cen por cen galega. "É un traballo en homenaxe a todas aquelas persoas que, co seu grao de area, contribuíron silandeiramente á construción da nosa Historia e da nosa identidade", explican dende a organización. En total, 23 láminas con oficios tradicionais escollidos aleatoriamente para facer unha descrición gráfica destos traballos típicos da Galicia de antano en versión "minimal". 

As homenaxes de Xiralúa sempre están relacionadas con Galicia. Entre os seus traballos hai axendas adicadas a Castelao, camisetas con verbas de Manuel Antonio ou ca portada da revista Nós, cadernos con deseño de persoeiros coma Rosalía de Castro... "Somos unha mestura de estudo de deseño con produtos personalizados e venda en dous sectores: textil e papelería", indican os membros de Xiralúa.

É a primeira vez que expoñen en Ourense, aínda que esta mostra foi levada a bares, festivais e mercadillos noutras ocasións. "Pero nunca expuxemos tantas láminas. Será a primeira vez que haxa as 23, que estarán a venda. Tamén temos tenda online e colaboradores coma Basquiart, pero en tenda física aínda é difícil".

A letra "Giraluna" de Luis Eduardo Aute inspirou nun concerto a estes dous xóvenes galegos que imprimen literatura en roupa e miman a Galicia cos seus deseños. "Queríamos ser algo diferente nun mundo globalizado", din. 

Te puede interesar