Concluir a construcción deste centro de coñecemento suporá unha inversión de 320.000 euros

O Concello de Ourense saca a concurso as obras para rematar 'La Molinera'


A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión desta mañá o expediente de contratación, e o prego de cláusulas administrativas das obras que permitirán completar a construción do Centro de Coñecemento de La Molinera. No mesmo acordo, a Xunta Local aproba o gasto, por importe de 319.999,99 euros.

As obras de construción do Centro de Coñecemento foran adxudicadas por concurso a Construcciones Gamallo, por acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de novembro de 2011, por 1.098,506,20 euros, cun prazo de execución que remataba o 10 de novembro de 2012. A empresa ofertara unhas melloras valoradas en 121.365,65 euros. Posteriormente, a empresa sufriu dificultades económicas que lle impediron rematar as obras, que abandonou antes de rematar, e entrou en concurso de acredores.

O Concello de Ourense aprobou no ano 2013 este novo proxecto, cun orzamento de 320.000 euros, que inclúe a totalidade das obras pendentes de executar que son precisas para a entrada en funcionamento deste novo equipamento, no contorno do Ben de Interese Cultural das Burgas, chamado a achegar as novas tecnoloxías aos veciños da cidade.

Porá á disposición dos cidadáns un conxunto de espazos orientados á produción, investigación e difusión da cultura dixital e do ámbito de confluencia entre arte, ciencia, tecnoloxía e sociedade.

Construído co apoio do Plan Avanza do Ministerio de Industria, contará con servizos como sala de ordenadores de uso social con 36 postos, obradoiros de Impresión 3D, Audio, Electrónica, Vídeo, Área de Co-working, auditorio e laboratorio de Emisión Audiovisual a través de Internet.

Te puede interesar