Detida unha veciña de Ourense por subtraer 450 euros nun establecemento comercial

Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Ourense procederon á detención dunha veciña de Ourense como presunta autora dun furto nun establecemento comercial pola subtracción de 450 euros.

Segundo informa a Policía, os feitos sucederon sobre a 16,30 horas do pasado 24 de febreiro, cando unha persoa descoñecida accedeu ao interior dun establecemento comercial aproveitando a ausencia momentánea da súa propietaria e subtraeu unha cantidade de 450 euros.

Coñecidos estes feitos polo Grupo de Investigación da Comisaría Provincial de Ourense iniciáronse as investigacións oportunas co fin de determinar a identidade do presunto autor do furto.

As devanditas xestións deron lugar á identificación do presunto responsable da subtracción e a súa posterior detención este martes. No momento da detención interviñéronselle entre os seus efectos unha tarxeta de Autobuses Urbanos de Ourense a nome doutra persoa.

Realizadas as investigacións oportunas a este respecto, a Policía puido determinar que a devandita tarxeta era un dos efectos subtraídos no furto dun bolso o pasado día un do presente mes.

A persoa detida é unha muller de 40 anos de idade e veciña de Ourense, á que lle constan 20 detencións anteriores por diversos feitos.

Te puede interesar