O VII Encontro de escritores celébrase en Ourense a fin de semana

Ensaio dunha literatura aberta e de inmediatez

Xerardo Méndez, Rita Garrido e José Luis Troitiña. (Foto: José Paz)
O Liceo e o gremio de editores, libreiros e escritores de Ourense, arredor de Literauria, sube a aposta para o VII Encontro de escritores ourensáns que comeza o venres e até o sábado desenvolve un listado que actividades entre as que destaca 'Relato Express'.
En menos de doce horas, preto de vinte escritores han compoñer cadanseu un relato a partir de dez palabras que previamente terán proposto os participantes na actividade 'A palabra eléctrica'. Esta comeza ás 22.30 horas do venres, no Liceo, e afonda nas conexións entre música e literatura. De feito, dous artistas como Carlos Rego e Magín Blanco, falarán dos vínculos entre rock and roll e narrativa. Achegadas esas dez palabras, a madrugada do sábado moitos escritores ourensáns quedarán sen durmir, porque ao día seguinte, antes das dez da mañá, deberán entregar as súas composicións. Nese intre comeza outra carreira contra o tempo: a de editar un libro, sen saír do Patio das Columnas do Liceo, que cuxa presentación e venda ao público arrancará ás 19.30 horas do sábado.

Namentres os escritores espertan do insomnio, o Encontro de escritores continúa. O sábado, a partir das 11 horas, Literauria lanza outra pílula: o mercado de manuscritos. Cada escritor participante, escribirá a man o texto da súa bibliografía que lle solicite o comprador, porque o papel co texto escrito polo autor terá o prezo simbólico dun euro. En paralelo, a actividade 'Afiadores de palabras' funcionará como un lanzamento expansivo de autores. Todo aquel escritor, cunha obra editada en 2010, disporá de dez minutos para engaiolar ao público. O encontro rematará o sábado cun recital poético a partir das 22.30 horas a cargo, entre outros, de Victor Campio.

Te puede interesar