ARTE ET ALIA

López-Barxas con escritores e artistas

Xosé Cid no taller, rodeado de obras, lugar da conversa con Paco López-Barxas.
photo_camera Xosé Cid no taller, rodeado de obras, lugar da conversa con Paco López-Barxas.
Xabier Limia de Gardón analiza a figura do escritor Paco López-Barxas

Filólogo, escritor, e sempre asertivo, Paco López-Barxas (Francisco López Rodríguez, Ponte Barxas, Padrenda-Ourense, 1952) conversa dende hai anos como periodista e crítico literario a relevantes personalidades, que nos achega en libros como “La palabra sorprendida. Diálogos y entrevistas”, coa introdución do catedrático Darío Villanueva, continuando a senda de “No xardín das mandrágoras”, 2008, engadindo agora algunha daquelas entrevistas, traducidas ao castelán. En moitas delas inclúe unha fotografía documental feita por Plácido L. Rodríguez, seu irmán. A portada deste libro de Medulia editorial ilustrase cun expresivo colaxe da súa irmá, artista e escritora que asina Clara Martín, obra que combina con mestría unha máquina de escribir manual e o rostro de Simoneta Vespucci pintado por Botticelli no Nacemento de Venus, que coloca saíndo dun libro aberto.

Nas súas páxinas aparecen Benedetti e Camilo J. Cela, Francisco Ayala, Cortázar, Ernesto Cardenal ou Cardoso Pires. A de Nélida Piñón foi, posiblemente a derradeira dela en vida. No outono de 2022 tiña previsto facerlla a Salman Rushdie, escritor e ensaísta anglo-indio ao que había coñecido n’A Coruña anos atrás nun congreso internacional, mais frustrouna o atentado que sufriu e case lle costa a vida. Son todas, no fondo, de literatura, política e compromiso, mais Paco tamén contempla na elección a escritura, o poder, e as creacións literaria e artística.

No elenco van ademais Vargas Llosa, Gimferrer, Gamoneda e Iván Tovar, artista caribeño de Santo Domingo, a propósito da súa antolóxica na Fundación Granell, Santiago, 2014. Con eles Eugenio F. Granell (+2001), co que conversa paseando por Compostela, artista que no canto da guerra civil viviu naquela illa, pois a súa vida perigaba. Son dous singulares artistas do estilo surrealista, tan revolucionario e suxestivo, ao igual que en Artur Cruzeiro Seixas (+2020), co que mantivo fonda relación de amizade, e ao que lle dedicou un libro. Tamén conversou con Chillida...

Portada con colaxe de Clara Marín.
Portada con colaxe de Clara Marín.

Hai uns meses, falou con Xosé Cid Menor (n.1946), a propósito dunha exposición de pretensión recapituladora no CCMV da Deputación, que reproduce no catálogo. No seu taller da Pousa de santa Leocadia, Taboadela, preto do lume, o veterano artista confesóuselle. Falaron de arte e literatura a propósito de Casares, Otero Pedrayo ou Blanco Amor, en 2007, encargos co tema do realismo implícito pois, nas súas palabras hai só un único obxectivo “o recoñecemento da personalidade destas figuras”.

É a teima constante no seu vocabulario dende o seu comezo figurativo como tallista de carpintería, ou co barro, obras costumistas das xentes do val da Rabeda, que continúa coas do afiador, 1998, outra volta do primeiro, en Santiago, 1974, e da castañeira, monumentos simbólicos de Ourense. Máis no canto de Díaz Castro, 2011, ou Breogán, 1995, fíxoo cos “elementos mínimos, con formas simples,(coas que) pode xogar entre o clásico e o abstracto transmitir sen perder nunca a esencia da figura, que eu non quero perder de vista”. Obras sempre coa presenza da figura humana, o que lle da carácter á súa escultura, nas que se centra “coa materia, co proceso” dende a “intuición da experiencia que se vai adquirindo”; recoñecendo que se atopa máis cómodo co barro. Así no proceso dos bronces, outra faciana plástica súa. E destaca, que o seu mundo está formado “por camiños propios” dende os que “seguir aprendendo e gozando do que o camiño me vaia ofrecendo”. Un diálogo permanente de sonoros silencios nas palabras de López-Barxas.

Te puede interesar