Os restauradores traballan arreo na limpeza do retablo do baldaquino e a descuberta das pinturas murais do Santuario dos Milagros, un proxecto que ten que estar listo en setembro, cando comece a novena.

Pulindo a beleza dos Milagros

Pablo Garrido é o responsable da restauración.
O patrimonio ourensán non só se enfronta ó problema do paso do tempo. 'O clima é o que é'. A humidade ambiental é un gran atractivo para os bechos que viven da madeira. Por iso, é doado atopar carcoma polos currunchos que conforman a ornamentación de cada igrexa, capela ou mosteiro. E diso non se libra nin sequera un recinto relixioso tan senlleiro coma o Santuario dos Milagros. Por iso, o equipo liderado polo restaurador ourensán Pablo Garrido traballa arreo para deixar perfectas e coma recén pintados os murais da capela e o retablo baldaquino.
Parte da solución que evitaría o desgaste progresivo do patrimonio relixioso pasaría por ventilar os templos cada día, algo que non ocorre na maioría das parroquias ourensás. Cando xa non pode levarse a bo termo, non queda outra que optar pola restauración. Niso anda o equipo da empresa Sagrada Familia, que deberá ter todo listo en setembro, cando comece a novena que culmina cunha peregrinación multitudinaria na que participan fregueses chegados de toda a provincia.

O Santuario dos Milagros foi construido por volta de mediados do século XVIII. Anos máis tarde, a finais do século XIX, as pinturas murais foron retocadas. O retoque constituíu un simple pintado por riba do que xa había. Pero a calidade desta segunda capa non era tan boa como a primeira. 'Sabíase que fora repintado, pero non coñeciamos a ciencia certa o que podiamos atopar debaixo da pintura máis nova', explica Pablo Garrido. Agora, que xa levan preto de dous meses traballando na cúpula dos Milagros, está en posición de asegurar que 'a pintura nova estaba peor conservada que a orixinal'.

O traballo do restaurador e de todo o seu equipo é posible gracias 'á humildade dos Padres Paúles' que asumen, 'facendo un gran esforzo', o custo total do proxecto de restauración, a desenvolver en dúas fases. A primeira, que rematará en setembro, e unha segunda que comezará así que pasen os días grandes do Santuario de Baños de Molgas.

Coa fin de interrumpir o menos posible no desenvolvemento do culto diario dos Milagros, o equipo de restauración instalou unha plataforma que lles permite traballar ó tempo que as cerimonias relixiosas se celebran con total normalidade. No alto deste andamiaxe, Pablo Garrido e os seus catro colaboradores continúan limpando cada peza do retablo baldaquino e descubrindo cada anaco das pinturas murais orixinais.

As pasadiñas que os traballadores da empresa Sagrada Familia dan cos seus pinceis e escobiñas específicas de restauración polas madeiras dos Milagros son froito de dous anos de preparación e de 'loita' coa Xunta de Galicia. Agora, Pablo Garrido esta satisfeito cos responsables institucionais dos que depende a autorización para proceder ós traballos. As súas palabras son de agradecemento para o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, e o director xeral de Patrimonio, José Manuel Rey Pichel.


UNHA HISTORIA ITALIANA

A historia de Sagrada Familia comezou hai moitos anos na Manchica (A Merca). Dende o bisavó de Pablo Garrido, as seguintes xeracións teñen estado vinculadas á arte, dende os eidos da escultura e a cantería. Xunto cos seus irmáns, este antergo do restaurador fundou a empresa que agora tributa o ourensán.

O 2008 foi o ano no que arrincou o proxecto emprendedor de Pablo Garrido. Daquela, os mercados financieiros comezaban a avisarlle ó mundo occidental de que algo pasaba nas súas economías. Aínda así, el aventurouse, especializándose sobre todo na restauración relixiosa. 'Como xa empecei en crise, non sei como era este traballo antes', bromea no 2012.

O proxecto que lle foi confiado nos Milagros á súa empresa significa 'un punto de inflexión na miña traxectoria, é algo que ten que quedar perfecto'. Iso é hoxe. Pero antes de chegar ata aquí, parte dese punto de cambio chamouse Florencia. Pablo Garrido foi un dos primeiros ourensáns en beneficiarse das bolsas de prácticas no estranxeiro que oferta a Deputación. O destino escollido, como non podía ser doutro xeito para alguén vinculado coa arte, foi a cidade italiana.

Dende que voltou á súa provincia natal, participou na campaña 'SOS Santuario', que avogaba pola restauración do recinto de Baños de Molgas. Gracias a esa participación, os Padres Paúles contaron con el encomendándolle os traballos actuais.

Te puede interesar