Fernando Varela aboga por ofrecer campañas de prevención e concienciación antes de aplicar multas

Seguridade e Tráfico, preocupacións diarias

Fernando Varela, na Policía Local, onde está o seu despacho. (Foto: Xesús Fariñas)
Para un concelleiro neófito na xestión política, aínda que experimentado na militancia de partido e sindical, como é o caso do nacionalista Fernando Varela, o que máis lle sorprendeu ao chegar ao despacho da Concellería de Tráfico e Seguridade foi a inxente cantidade de traballo. Sobre todo, tendo en conta que é unha das áreas que sempre está en boca dos cidadáns, pois ser unha preocupación social constante.
Novos vehículos policiais, ampliación de plantilla que estreou equipación de verán (camisas máis frescas para soportar o calor ourensán, largamente demandadas), novas patrullas de prevención de actos vandálicos (as enquisas din que se reduciron nun 25%), semáforos de última tecnoloxía recén instalados, e plans de seguridade e prevención específicos para os colexios son algunhas das actividades que destaca Fernando Varela.

Precisamente, é a concienciación a base da súa xestión, básica para evitar chegar á medida de impoñer multas (que se cobraron en máis dun 50% dende 2007, porque agora non se deixa que prescriban). ‘InBíciate’, para fomentar o uso da bicicleta; ‘Moucho’, para concienciar sobre o abuso do alcohol e o risco na conducción, así como xornadas de educación viaria no Campus e para os escolares máis pequenos no Parque Infantil de Tráfico son algunhas desas iniciativas.

Melloras


A creación de 25 novas prazas de aparcamento para minusválidos, o repintado de máis de 3.000 pasos de peatóns urbanos, a creación de prazas de estacionamento para motos son outras das melloras na cidade segundo Fernando Varela.

No tocante ao que queda por facer, o concelleiro anuncia a próxima aprobación da nova ordenanza municipal de Tráfico, que virá a reordenar esta área con normas máis axeitadas aos tempos actuais (a normativa vixente data do 1991) e permitirá gañar prazas de aparcamento nas horas libres das zonas de carga e descarga. Mellores dotacións na Policía Local, os Bombeiros e Protección Civil completan os retos que ocuparán os vindeiros dous anos.

Carlos Campos (PP): ‘As promesas siguen no aire’


O balance de Carlos Campos, concelleiro do PP encargado de ir ás comisións de área de Seguridade e Tráfico, non é, nin moito menos, positivo. Sinala o edil ‘popular’ que promesas coma a creación da chamada ‘Policía de barrio’ siguen no aire, mentres que a imposición de multas se incrementou notablemente ‘co único fin de recadar, para alcanzar os obxectivos orzamentarios’.

Carlos Campos bota de menos unha reforma da plantilla da Policía Local, xa que por lei deberían ter categoría profesional do grupo C e permanecen no D, e advirte que quedan seis meses para esa adaptación. E tamén di que os oficiais están facendo funcións de inspector que non lles son retribuídas, ao mesmo tempo que indica a necesidade de ampliar a plantilla con novos axentes. ‘En dous anos se xubilarán 17 policías locais. Debería haber unha plantilla de 165 e hai 140’, di Carlos Campos.

No tocante aos novos vehí culos dos bombeiros, o concelleiro do PP sinala que os que se estrearon nestes dous anos foran adxudicados na etapa de goberno do Partido Popular e pagados con partidas daquel tempo. Asemade, explica que o único coche encargado polo actual equipo de goberno é un todoterreo especial para difíciles accesos e está actualmente paralizada a súa adxudicación.

Por último, Carlos Campos critica o que considera ‘falta de sintonía’ entre Fernando Varela e o concelleiro de Infraestructuras e actual tenente de alcalde, Andrés García Mata. Di que as novas obras de humanización de rúas eliminan prazas de aparcamento sen propoñer alternativas e que en moitos casos carecen do informe da Policía Local.

A CLAVE PERSOAL

Cal é o seu maior defecto?

Que ás veces me preocupo demasiado polas cousas, e me chega a afectar.

E a virtude?

O que aprendín da miña familia: a solidariedade cos máis débiles.

Como pensa que a xente o ve?

Coido que accesible. Un amigo me dixo hai dous anos que terminaría cambiando e non hai moito que me recoñeceu que non cambiei.

Que música prefire?

Folk e rock: O Sonoro Maxín e Bruce Springsteen. Xa teño as entradas para ir a velo a Compostela. Será a cuarta vez.

De neno, Fernando Varela quería ser...

Coma meu avó, canteiro, ou coma meu pai, delineante.

Que fai cando non é concelleiro?

Estar cos meus amigos e a miña familia, ler e ver cine.

Que libro acaba de rematar?

Releín hai uns días ‘Memorias dun neno labrego’, de Xosé Neira Vilas.

Gústalle a Historia?

Moito. De feito, fun alumno no Bacharelato da miña compañeira de Corporación Ana Garrido, ela se lembra de min.

E como valora a figura dos Reis Católicos?

Moi mal (risas), como nacionalista galego que son, considero que con eles empezou todo o malo para Galicia.

Te puede interesar