VERANO

Músicos galegos preparan unha 'quedada' na Saínza

Os organizadores pretenden recuperar o antigo espíritu da romería

A Asociación Sociocultural Amigos da Romaría da Saínza organiza este ano a primeira edición da Quedada de Músicos Tradicionais. En colaboración co concello de Rairiz de Veiga, pretenden recuperar o antigo espírito da romaría, onde os romeiros que tocaban instrumentos ou cantaban, se reunían nos prados e paseaban pola aldea bailando e tocando. "Daquela non había orquestras", sinala Ana Míguez, unha das organizadoras deste encontro.

Aproveitando que o sábado 24 de setembro non está prevista ningunha actividade na festa, queren reunir a todas aquelas persoas que toquen instrumentos tradicionais para amenizar o día. 

A 'quedada' estaría prevista a partires das 12,30 horas con remate a última hora da tarde. Os músicos que desexen asistir reuniranse no campo da festa para programar o percorrido polas casas da aldea. "Trátase dunha cita aberta a todos os que queiran participar", sinala Ana. "Só teñen que se poñer en contacto con nós para se apuntar, posis todo o mundo é benvido", conclúe.

Dende a organización obsequiarán aos participantes cun pequeno recordo do evento e máis un diploma acreditativo para cada grupo. Así mesmo convidarase a todos os asistentes a un "xantar popular de confraternización" para intercambiar experiencias e coñecementos.

Paralelo a este encontro, a mesma asociación prevé organizar, o mesmo día, unha feira de artesanía aberta. "Realizamos un chamamento a todos os artesáns de Galicia que estean dispostos a asistir, pois queremos darlle un pulo a esta romaría e recuperar as antigas feiras tamén o sábado", sinalan dende a organización.

Os feirantes situaranse detrás do castelo da Saínza e, entre as 12,30h e as 19,30, complementarán a quedada musical para atraer aos veciños e visitantes a participaren do evento.
Aínda que o aforo é limitado, a inscripción é gratuíta e todos os músicos e artesáns que

o desexen poden poñerse en contacto con Ana Míguez a través do teléfono 629759516 para formar parte do que se espera que sexa "unha nova forma de participar nesta multitudinaria romaría limiá", que terá o seu día grande no domingo 25 desetembro.n

Te puede interesar