AVICULTURA

Cinco concellos de A Limia deberán facer un rexistro das aves de curral

photo_camera Todos os veciños que posúan galiñas domésticas nestes concellos terán que rexistralas.

Trátase dunha medida de carácter preventivo dentro do programa para loitar contra a gripe aviaria

Os veciños dos concellos de Vilar de Santos, Sandiás, Porqueira, Xinzo e Rairiz de Veiga que posúan aves de curral, terán a obriga de rexistralas nos seus Concellos ou na Oficina Agraria Comarcal. A medida está encamiñada a evitar a aparición da gripe aviaria. Entre outras actuacións preventivas, a Consellería de Medio Rural está a elaborar un rexistro administrativo de explotacións agrícolas non comerciais, ou currais familiares, en determinadas zonas calificadas como de "especial vixilancia" entre as que se atopan estes cinco concellos debido ao paso de aves migratorias polas súas zonas. 

Segundo sinalan dende a administración autonómica, nos últimos meses detectáronse tanto en Europa como en España, "diversos casos de gripe aviaria en aves silvestres e aves de curral" , aínda que os casos detectados "foron producidos por un tipo de virus que soamente causa enfermidade nas aves e polo tanto, non eran perigosos para a saúde das persoas".

A ultima disposición do goberno central no que respecta a esta materia, establece una serie de medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria e sinala a "obrigatoriedade" de efectuar o mencionado rexistro. Segundo fontes da Consellería, trátase dun procedemento "informativo" e "administrativo" que ten como finalidade "o coñecemento" por parte do ente autonómico da "existencia e localización destes currais" para poder tomar as medidas preventivas necesarias no caso da aparición da gripe no territorio galego. 

Noutras zonas de Galicia, que están consideradas como "de especial risco de aparición da gripe", as medidas son moito máis restrictivas e incluso se obriga a ter ás aves baixo teito. No caso da comarca de A Limia, recoméndase gardar os comedeiros e bebedeiros en instalacións cubertas así como non suministrar ás aves criadas auga procedente de correntes superficiais.

Adopción dunha “vixilancia pasiva"

Os Concellos da comarca de A Limia publicarán, nos vindeiros días, bandos informativos co obxectivo de facer chegar aos veciños as medidas preventivas contra a gripe aviaria e de elaborar o mencionado censo informativo. Trátase, segundo fontes de Medio Rural, de establecer "unha vixilancia pasiva". A medida é extensiva a todas as persoas que posúan aves domésticas (galiñas, patos ou gansos) e que se dediquen, ou non, á súa comercialización. Estes veciños deberán cumprimentar un formulario que terán a disposición nas dependencias do seu Concello e na Oficiña Agraria Comarcal da Consellería do Medio Rural. Unha vez cuberto deberán rexistralo nas mesmas entidades. No caso de que non se posúan "neste momento" aves de curral pero "si se adoite telas", deberán cubrir igualmente este formulario. 

Te puede interesar