INFRAESTRUCTURAS

Medio Ambiente fará un novo colector de augas en Morgade

O proxecto terá un investimento de 340.000 euros e conectará a localidade ca estación depurador do 
parque empresarial

Persoal da Concellería de Obras do Concello de Xinzo atópase inmerso na redacción dun proxecto para a construcción dun colector de augas residuais dende o pobo de Morgade ata o parque empresarial. A obra contará cun orzamento de 340.000 euros financiado, de xeito íntegro, pola Consellería de Medio Ambiente. 

Trátase dun colector que recollerá as augas residuais de dúas fosas sépticas, que conectarán co parque empresarial e que posteriormente serán tratadas na Estación Depuradora de Augas Residuais. Esta estación foi mellorada recentemente grazas a un convenio entre a Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e contou cun investimento de 1.250.000 euros. Nestas obras de mellora pretendeuse a eliminación dos nitritos e dos fosfatos que ían cara o río Limia e que puideron ser, entre outros, os causantes das cianobacterias no embalse das Conchas. Segundo explica o concelleiro de Obras e Infraestructuras, Manuel López Casas, "hoxe as augas residuais da comarca e, grazas a estas accións, teñen un dos tratamentos máis modernos a nivel de depuración". 

Esta última actuación, xunto co proxecto Life Regenera Limia, conforman os dous grandes plans en materia de tratamento de residuos que se están acometendo por parte do Concello. Con este último, financiado pola Unión Europea, preténdese que os purines das granxas sexan tratados a través dunhas balsas que teñen a función de degradar nitritos e nitratos de maneira natural.
 

Te puede interesar