CONCELLO

Trasmiras aproba de xeito definitivo o seu primeiro plan xeral de urbanismo

<p></p>
photo_camera A conselleira Ángeles Vázquez, á esquerda, e o rexedor local, Emilio Pazos.

Máis do 95 por cento do territorio é solo rústico e un 3,23 núcleo rural

Trasmiras puxo este martes o broche de ouro a 10 anos de traballo nos que o grupo de goberno tratou de sacar adiante o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello. Logo da súa aprobación inicial en pleno este pasado verán, a Xunta de Galicia deu o visto bo final nun acto que tivo lugar no salón de plenos do Consistorio.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, desprazouse ata Trasmiras para asinar, xunto ao rexedor local, Emilio Pazos, a orde de aprobación definitiva. Neste senso, o documento converteuse no primeiro instrumento de planeamento xeral propio, dado que o urbanismo neste municipio se rexía, ata o de agora, por Normas Subsidiarias de Planeamento Provinciais, segundo explican dende a administración autonómica.

O plan de urbanismo de Trasmiras tamén ostenta o título de primeiro plan de ordenación aprobado neste recén estreado 2019 e que se sumará ao listado de concellos galegos con PXOM adaptado e acorde á normativa urbanística actual -69 aprobados dende o 2009 e 11 na lexislatura actual-.


Un concello rural


O novo documento aportará ao concello, segundo Ángeles Vázquez, unha "precisa e obrigada seguridade xurídica" e asegurou que se trata dun plan "coherente" coa realidade territorial de Trasmiras, e que se rexe polo principio de utilización racional dos recursos e desenvolvemento sostible do territorio.

A elaboración do plan de urbanismo da localidade supuxo estudar en detalle a totalidade da superficie do termo municipal, que acada case 57 quilómetros, e que se distribúe en 10 parroquias: Abavides, Chamusiños, Escornabois, Lobaces, Rabal, Trasmiras, Viladerrei, Vilar de Lebres, Vilaseca e Zos.

O estudo determina que o municipio é eminentemente rural cunha superficie rústica do 95 por cento e un núcleo rural que abrangue o 3,23 por cento. O 0,18 é solo urbanizable e o 0,67, urbano.

Te puede interesar