RETORNO A LAS RAÍCES

Victoriano Oxea: "Chegaron a caerme as bágoas por non poder estar no Entroido"

IMG_5160ss_result
photo_camera Víctor Oxea Oxea na praza Maior de Xinzo de Limia.

Victoriano Oxea fixo as maletas fai 27 anos e emprendeu, xunto coa súa muller e a súa filla maior, camiño a Andorra. Este limiao de 53 anos e técnico de aparellos de asistencia respiratoria, afirma que "nunca desfixo as maletas" para regresar a Xinzo pero que os anos foron pasando en Andorra, onde vive feliz

Con qué idade deixou Xinzo de Limia?

Deixei Xinzo con 25 anos e viaxei a Andorra para buscar traballo. Ao principio marchei coa idea de que fose algo temporal, de poucos anos, pero xa cumplín 27 anos alí. 

Por aquel entón, non había moitas saídas laborais en Xinzo?

Meus pais tiñan unha panadería e as cousas non iban todo o ben que quixéramos. Decidín emprender outro camiño pola miña conta fóra das nosas fronteiras. 

Non se arrepentiu da decisión?

Nesta vida non hai que arrepentirse nunca do que un fai. Para ben ou para mal son decisións que se toman nun determinado momento e hai que seguir adiante. Sempre hai momentos bos e momentos malos, pero se me quedara en Xinzo iba a sufrir igual os malos. En Andorra estou contento co traballo que teño e coa miña vida. Gústame volver a Xinzo, adoito facelo entre dúas e tres veces ao ano: en Semana Santa e Verán, aínda que o que máis boto de menos é regresar no Entroido, é algo que se leva no corazón. 

O Entroido é o que máis bota de menos de Xinzo?

Sí, sen dúbida. Cheguei a chorar por non poder estar. Cos anos foiseme pasando pero, ao principio, caíanme as bágoas cando chegaba o mes de febreiro. 

Non era posible cadrar as datas para poder regresar nesa festa?

A muller traballaba nunha tenda e eu, ao principio, traballaba na construcción. Resultaba case imposible cadrar as vacacións. O que faciamos era celebralo na casa. É unha tradición familiar que seguimos mantendo. 

Cónteme como é esa celebración. 

Cando se celebra o domingo de Fareleiro, as miñas dúas fillas, a muller e mais eu, enfariñámonos a cara na casa e xantamos xuntos, é moi divertido. No Oleiro empregamos unhas cuncas que teño dende fai moitísimos anos. Nas bodas, antigamente, regalaban unhas cuncas de barro. Facemos unha roda e tirámonolas entre uns e outros. Se temos a sorte de que non se rompa, gardámola de cara ao ano que ven, senón pois mala sorte. (Ríe). 

Canto tempo fai que non ven ao Entroido de verdade?

Vin fai cinco anos e teño que decir que me decepcionou un pouco. Xa non existe o Entroido enxebre e de parodias que había anos atrás. Agora, ademais, hai moita masificación. Entendo que é algo bo para os hosteleiros, que todo cambia e que hai que adaptarse. 

E as súas fillas, séntense mais galegas ou andorranas?

As miñas fillas séntense galegas e a miña muller é de Os Blancos. A nosa primeira filla naceu aquí. Ao principio marchamos os dous e logo voltamos pola filla. A maior estudou diseño de moda e está traballando en Ourense e a pequena está facendo educación social en Santiago. Elas quixeron volver porque se senten de aquí. 

Non teñen pensado regresar como as súas fillas?

Eu nunca desfixen a maleta, sempre quixen volver, pero co paso do tempo xa me quedei en Andorra. Non descarto regresar no futuro.

Te puede interesar