MEDIO AMBIENTE

Xinzo acometerá o control da poboación de pombas da vila

<p></p>
photo_camera Aspecto que presentaba unha das beirarrúas da Avenida de Ourense, chea de excrementos de pomba

O número de aves medra de xeito incontrolado xenerando moitos problemas para os veciños

O Concello de Xinzo ven de contratar un servizo profesional para realizar un control poboacional das pombas. Na actualidade, estas aves están crecendo de xeito incontrolado no núcleo urbán e, segundo o concelleiro de Medio Ambiente de Xinzo, Manuel Cabas, "este descontrol pode causar un problema para a saúde por ser estas aves focos de transmisión de enfermidades".

Ao longo desta semana fíxose un cálculo que determinou a existencia de 1.021 aves no núcleo de Xinzo. Juan José Fraga, administrador da empresa responsable de facer o control, afirmou que "se trata dun número de pombas demasiado grande para que a poboación o soporte".

O impacto paisaxístico que ocasionan os excrementos destas aves na vila é outra das queixas que se viñan facendo por parte dalgúns grupos da oposición, como é o caso do Partido Socialista de Xinzo, que reclamaba unha solución con respecto a este tema. "Recibimos moitas queixas e fotos dos veciños alertando sobre este asunto", afirma Eva Oro, número catro do grupo municipal socialista. Os lugares máis afectados da vila son a avenida de Madrid e a avenida de Ourense. Este problema vese agravado pola gran cantidade de casas abandonadas existentes en Xinzo, onde as pombas atopan un lugar idóneo para reproducirse. "Imos a falar cos donos destas casas abandonadas para que procedan a selar as ventás", sinala Manuel Cabas.

"O procedemento para controlar esta súperpoboación é capturar as pombas cunhas xaulas de trampeo en vivo" , explica Juan José Fraga. "Son unhas xaulas de grandes dimensións dotadas de comida e bebida para que as aves sufran o mínimo estrés posible, levámolas aos nosos núcleos zoolóxicos onde son revisadas por un veterinario e, de acordo coa Xunta de Galicia, son reubicadas en puntos naturais", engade.

Petición de máis limpeza

Membros do PSOE e de Xinzo Adiante solicitan ao Concello máis implicación en materia de limpeza e unha mellora dos sistemas de traballo para que as brigadas poidan limpar as rúas en profundidade, xa que consideran que existen moitas deficiencias neste sentido.

"Habería que mecanizar máis os equipos de limpeza", sinala Manuel Campos, portavoz de Xinzo Adiante. "É preciso que se limpen as beirarrúas en profundidade, e os medios dos que dispoñen as brigadas de limpeza do Concello non son os adecuados".

Manuel Cabas afirma que se dotará aos traballadores da limpeza duns carros máis modernos e mostrou a intención da concellería de adquirir nova maquinaria.

Te puede interesar