Xinzo arranxará cinco pistas moi deterioradas

undefined
photo_camera Unha das pistas que se arranxará atópase nas inmediacións da EDAR.
Os traballos centraranse na vila e tamén en Trandeiras e Solveira

O Concello de Xinzo investirá próximamente unha partida de 50.000 euros no arranxo de cinco pistas -uns tres quilómetros de superficie- que se atopan moi deterioradas. As obras centraranse, concretamente, na vila -entorno de A Moreira, onde se acondicionarán dous viais, e da Estación Depuradora de Augas Residuais- e nos núcleos rurais de Trandeiras e Solveira. 

No caso da EDAR, os operarios aproveitarán para realizar unha limpeza de cunetas e para reparar toda a calzada, tal e como adiantaron dende o Consistorio.

Por outro lado, en Trandeiras -neste caso a pista que se reparará ubícase na entrada do núcleo dende a estrada OU-0110- ademais da limpeza mecánica de cunetas acometerase o bacheo do firme que se cubirá con dobre capa de rego asfáltico. Neste senso, unha reparación similar executarase no vial de Solveira que comunica con Trandeiras. Esta última será a superficie máis extensa na que se traballará, uns 1.105 metros. 

Especialmente urxente é a adecuación das pistas de A Moreira, cedidas ao Concello de Xinzo logo da concentración parcelaria. Actualmente, a capa de rodadura destes puntos está moi deteriorada e presenta unha grande cantidade de fochancas.  O terreo de A Moreira afectado polas obras será de preto dun quilómetro, mentres que en Trandeiras e nas inmediacións da EDAR, a actuación levarase a cabo en medio quilómetro de pistas en cada caso, aproximadamente.

O concelleiro de Urbanismo de Xinzo de Limia, Ramón Gómez Salgado, destacou que se trata de “actuacións consensuadas froito de diversas reunións cos veciños das diversas zonas e sempre baseadas en estados de necesidade urxente”.

Te puede interesar