Xinzo terá nun mes un novo aparcadoiro público

La avenida de Celanova (JOSÉ PAZ).
photo_camera La avenida de Celanova (JOSÉ PAZ).
Estará ubicado na avenida de Celanova e preténdese, neste senso, contribuir a recuperar o sector comercial deste entorno

O Concello de Xinzo acaba de adxudicar á empresa Carreira Bella o acondicionamento dun segundo aparcadoiro público en superficie na vila, un novo servizo que xa estará operativo no breve prazo dun mes. Estará ubicado na avenida de Celanova e preténdese, neste senso, contribuir a recuperar o sector comercial deste entorno: “Será unha actuación que busque axudar ao sector en tempos de crise, ao mesmo tempo que se facilitan as compras a veciños e visitantes”, asegurou esta semana o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade de Xinzo, Ramón Gómez Salgado. 

A actuación, que costará 15.000 euros, permitirá acondicionar 25 prazas para vehículos, que se dispoñerán en batería co obxectivo de optimizar o espazo existente, en forma triangular. Nun dos vértices irán un total de 11 espazos aptos para o aparcamento, mentres que o resto se repartirá entre os restantes. O proxecto contempla ademais un amplo espazo para facilitar a mobilidade dos vehículos no interior do párking. 

Trátase, en definitiva e segundo apuntaron dende o Concello de Xinzo, dunha superficie ao aire libre que pretende aliviar a circulación polas principais rúas do municipio, xa que “é habitual detectar coches mal estacionados nesta zona comercial que en moitos casos dificultan a circulación”.

Unha nova fórmula

O primeiro párking destas características que se construíu en Xinzo de Limia emprázase na rúa Curros Enríquez, concretamente, fronte a praza Carlos Casares, con entrada e saída desde a rúa Otero Pedrayo e Vicente Risco, a escasos metros da Casa Consistorial. Esta superficie conta con preto dun centenar de prazas. 

Coa adxudicación das obras para construír as instalacións da avenida de Celanova, o Concello quere seguir apostando por esta fórmula de aparcamento que contribúe a liberar as principais rúas comerciais de vehículos.

Os dous aparcamentos públicos en superficie que haberá na vila limiá en 30 días sumaranse ao párking subterráneo de Curros Enríquez, unhas instalacións construidas en 2008 e que foron asumidas polo Concello de Xinzo recentemente ao renunciar a concesionaria no 2020 á súa xestión. O Goberno local encárgase do seu mantemento e limpeza e valora empregalo tamén como almacén municipal. Conta con 142 prazas e o acceso é gratuíto.

Te puede interesar